This Is What Democracy Looks Like. Documental sobre Seattle ’99 e o Movemento Antiglobalización

with Non hai comentarios

O documental This Is What Democracy Looks Like (2000), dirixido por Jill Friedberg e Rick Rowley, captura a esencia das protestas contra a Organización Mundial do Comercio (OMC) en Seattle durante novembro de 1999. Filmado sobre o terreo con cámaras de activistas, o filme compila testemuños directos dunhas mobilizacións que reuniron a máis de 50.000 persoas de todo tipo de posición e procedencia (dende sindicalistas a ecoloxistas, dende colectivos de primeiras nacións a anarquistas) no que foi o punto de inflexión clave no asentamento e espallamento do movemento antiglobalización que asumía a democracia non como proceso representativo institucionalizado, senón como práctica de construción colectiva dende as rúas.

As imaxes centranse nas accións directas que se desenvolveron neses últimos días de 1999 na cidade estadounidense: bloqueos tácticos de infraestruturas, sabotaxes a sedes de corporacións, asembleas horizontais, procesos de resistencia colectiva fronte á represión policial… Pero sobre todo destaca o peche da cerimonia inaugural da OMC a través dun bloqueo múltiple que acabou por forzar a suspensión das negociacións.

Este documental serve como ponte histórica entre as loitas actuais e os procesos de protesta  dos anos 90 contra o Consenso de Washington (1989). No vídeo pode observarse como redes descentralizadas se coordinan a través de tácticas eficaces e horizontais. A represión, con máis de 600 arrestos e uso de todo tipo de material represivo (porras, pelotas de goma, gas pementa…), marcou un punto de inflexión na concepción das forzas policiais occidentais pois iniciará o camiño cara á criminalización contemporánea da desobediencia civil.

O filme, producido de maneira independente e financiado colectivamente, estreouse en 2000 en circuítos activistas e converteuse nunha ferramenta pedagóxica coa que entender e diferenciar conceptos e prácticas clave dos movementos de disidencia.

Para o movemento antiglobalización, Seattle simbolizou a primeira vitoria contra o neoliberalismo feroz. Aquel “bloqueo do século” da conferencia da OMC inspirou campañas de acción colectiva de carácter global en Porto Alegre ou Xénova.

 

https://archive.org/details/ThisIsWhatDemocracyLooksLike
https://www.youtube.com/watch?v=Ad3km2AP8hA