Non somos espectadorxs! Somos responsables do que pasa na realidade inmediata que nos rodea! Somos a resistencia organizada contra un sistema que devasta comunidades, saquea ecosistemas e baleira de dignidade a vida humana. Cada día debemos camiñar xuntxs guiadxs pola idea de que só a acción continua, organizada e solidaria deterá os abusos da maquinaria depredadora das empresas transnacionais que tan ben protexidas se atopan pola actuación ou a pasividade cómplice dos gobernos estatais e dos organismos internacionais.
O capitalismo globalizado mercantiliza a nosa existencia: convértenos en consumidorxs pasivxs, en cidadanía inerte e resignada. Na actualidade as transnacionais impoñen os seus intereses, mentres os estados e os organismos como a OMC ou o FMI asumen o papel de xendarmes do poder corporativo. E perante esta colonización da vida cotiá debemos responder a través da creación de redes coordinadas e accións colectivas de alto impacto que teñan a solidariedade e a desobediencia como alicerces centrais.
A nosa loita non é simbólica. É material. Existe! É o gromo das hortas comunitarias que desafían a agroindustria; é a asemblea de barrio que se nega a ser desaloxada polas políticas xentrificadoras; é o bloqueo á maquinaria que intenta esgazar a natureza para traducila en beneficios dunha corporación enerxética; é o boicot a esa multinacional cómplice do xenocidio israelí; é a sabotaxe a esa empresa téxtil que explota traballadoras a través das maquiladoras; é a solidariedade da veciñanza evitando o desafiuzamento cuxo único responsable é a usura da banca. E cada acto, por pequeno que pareza, é un paso máis cara á construción dun mundo onde os beneficios das grandes corporacións estean onde teñen que estar: absolutamente sometidos e subxugados aos dereitos e ás liberdades das persoas e á preservación do planeta.
Somos plenamente conscientes de que o futuro (e o presente mesmo!) pode verse completamente escuro. A crise climática, as guerras polo control de recursos, o xenocidio, as posicións fascistas e de extrema dereita, o racismo, a precarización laboral ou as malas condicións de vida son só diferentes expresións dun mesmo problema: o neoliberalismo desatado buscando manter o statu quo sexa como sexa para que uns e unhas poucxs poidan manter a súa posición de privilexio. Pero debemos afrontar o momento presente sen medo! Debemos entender que somos responsables pero tamén capaces. Debemos entender que a xustiza non se mendiga, arríncase a quen sexa e de onde sexa preciso. Nós exercemos as nosas liberdades e dereitos, e nunca pedimos permiso. Entendemos que, coma ti, debemos asumir que nós somos o cambio! Somos a sociedade mesma en movemento! E ninguén máis ca nós pode guiarnos! Debemos transformar a indignación en loita cada segundo en cada recuncho! Sen medo! Solidarixs! E queremos facelo de aquí en diante contigo!
NINGUÉN O FARÁ POR NÓS!!
VÉMONOS NAS RÚAS!!
