with Non hai comentarios

Hai dez anos, en 2016, publicábase a canción «No hay tanto pan» que Silvia Pérez Cruz compuxo para a película «Cerca de tu casa», unha obra sobre os desafiuzamentos tras a crise financeira de 2008. Hoxe, poucos días despois do desafiuzamento de Maricarmen, nun momento no que a crise da vivenda é cada vez máis insostible, a canción segue a describir unha realidade que se mantén.

A mensaxe da canción condensa a indignación ante un sistema que extrae beneficio da necesidade básica de vivenda. O texto fai visible a contradición entre persoas sen fogar e inmobles baleiros, e sinala os responsables últimos dunha situación que se presenta como inevitable. A continuación, un fragmento da canción:

Mentiras, sonrisas y amapolas,
discursos, periódicos, banqueros y trileros,
canciones, manos y pistolas,
bolsos, confeti, cruceros y puteros,
te roban y te gritan,
y lo que no tienes también te lo quitan.

No hay tanto pan, pan, pan.
Es indecente, es indecente,
gente sin casa, casa sin gente.

O título da canción xorde dun berro das protestas da época: «No hay pan para tanto chorizo», en referencia á clase política, salpicada por numerosos casos de corrupción, e ás elites económicas. É esta mesma clase política, tanto desde o goberno central como desde as comunidades autónomas, a que leva anos deixando que o acceso á vivenda sexa cada vez máis difícil. Sen pór freo á especulación, que é a causa principal pola cal fondos de investimento como Urbagestión, responsable do desafiuzamento de Maricarmen, só teñen interese en desfacerse dos inquilinos de longa duración para pór alugueiros con prezos completamente abusivos e, moi probablemente, temporais.

Dez anos despois, e mentres non se desenvolva e aprobe unha lexislación verdadeiramente efectiva que garanta o acceso a unha vivenda digna, esta canción segue e seguirá vixente.

Fontes