ECOAR))) LANZA O MICROFINANCIAMENTO DAS XORNADAS “COMUNICACIÓN, PODER E CONTRAPODER”

with Non hai comentarios

Este luns 4 de setembro ECOAR))) lanza a través da Asociación Pepa Loba unha campaña de microfinanciamento que ten como obxectivo financiar as xornadas “Comunicación, Poder e Contrapoder” que están proxectadas para ter lugar a segunda quincena de Novembro.

As xornadas “Comunicación, Poder e Contrapoder” analizarán a construción dun discurso hexemónico e uniforme así como as relacións de poder que se tecen entre os medios de comunicación, o poder político e as transnacionais. Ao mesmo tempo, estas xornadas tamén irán debullando o xeito en que se organizan as persoas na construción do contrapoder a través da vertebración dun discurso alternativo e unha nova cultura que ten como punto central a transformación do cidadán e da cidadá en suxeitos activos, grazas á aparición de novas ferramentas, novos coñecementos e unha concepción diferente da comunicación e a información a partir da aparición de internet.

As xornadas estarán conformadas por palestras que terán lugar en distintas localidades do mundo, que estarán conectadas entre si a través do espazo dixital. Cada unha das palestras será de carácter aberto e gratuíto e comporanse dunha exposición por parte de distintos especialistas e profesionais que irán tocando diferentes ámbitos para logo inserir un posterior debate entre xs presentes.

Por isto, co obxectivo de acadar o financiamento preciso para poder afrontar os gastos derivados das mesmas e poder desenvolver de forma efectiva estas xornadas, dende ECOAR))) lanzamos esta campaña de microfinanciamento a través da plataforma da Asociación Pepa Loba á que convidamos a sumarse a todas aquelas persoas que queiran afondar no coñecemento da sociedade actual dende unha perspectiva crítica. Xuntxs multiplicámonos!

 

 

DEMOCRACIA FRONTE “OS MERCADOS”

MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR

PENSA – ACTÚA – ORGANÍZATE

ECOAR)))