
Empresas tecnolóxicas globais sosteñen estruturas de opresión en Palestina mediante contratos millonarios con Israel. Meta (USA), Google (USA), Microsoft (USA), Amazon (USA), e NSO Group (Israel) destácanse por financiar, facilitar infraestrutura, datos, software de análise ou servizos de nube para poder facer posible a localización, selección e seguimento de persoas. Isto converte a estas corporacións en actores clave directos da violencia estatal pois facilitan as violacións sistemáticas de dereitos humanos.
Meta promove asimetría na moderación de contido: entre 2021 e 2023, eliminou o 90% das publicacións propalestina en Instagram, mentres permitía o espallamento do discurso de odio en prol do xenocidio israelí. Esta censura alíñase coa estratexia israelí de silenciar testemuños sobre crimes de guerra en Gaza. Ademais foi acusada de compartir datos con autoridades israelís o que contribuíu á persecución dixital e á localización de activistas.
Google xunto a Amazon mediante contratos como o Proxecto Nimbus (1.200 millóns de dólares desde 2021), fornece intelixencia artificial ao exército israelí para que poida mapear ataques específicos en Gaza. Investigacións independentes (The Intercept) amosan que datos de localización de Google Photos foron empregadas para seleccionar obxectivos en bombardeos en 2023, convertendo aos/ás usuarixs en cómplices involuntarixs.
No referente a Microsoft a transnacional estadounidense mantén contratos co goberno e co exército israelí para infraestruturas dixitais, almacenamento de datos e software. Ademais diversas investigacións apuntan a que os seus servizos están a ser empregados por axencias de seguridade israelís para xestionar bases de datos e desenvolver seguimento de persoas en xeral, e activistas en particular.
A empresa NSO Group xoga un papel clave nos procesos de represión. O seu software Pegasus espía a xornalistas e activistas que defenden o respecto dos dereitos humanos en Palestina dende 2016. Ademais hai ducias de casos documentados de espionaxe de persoas que forman parte de estruturas de resposta social en diferentes estados, pois NSO Group traballa de xeito central espiando e desarticulando redes de solidariedade.
En conxunto, estas corporacións non só actúan como provedoras neutrais de tecnoloxía, senón como beneficiarias económicas directas do xenocidio palestino, obtendo un lucro extraordinario a partir da guerra, da ocupación e da vixilancia masiva. Cada contrato, cada servizo de nube, cada sistema de análise de datos tradúcese en ingresos crecentes, expansión de mercado e validación das súas tecnoloxías en condicións reais de guerra, que logo son exportadas globalmente a outros estados como “solucións de seguridade”. Así, ademais, baixo eufemismos como “seguridade dixital” ou “desenvolvemento tecnolóxico”, o sufrimento palestino convértese nun laboratorio e nun negocio, revelando que o apartheid dixital non é un efecto colateral do capitalismo tecnolóxico, senón unha das súas expresións máis brutais e rendibles.