with Non hai comentarios

 

 

 

 

Entre o 19 e o 22 de xullo de 2001, a cidade italiana de Xénova converteuse no epicentro da loita antiglobalización. A reunión de líderes do G8 (Grupo dos Oito) provocou unha resposta cidadá sen precedentes, convocada polo Genoa Social Forum, unha plataforma que chegou a agrupar unhas 800 organizacións de diversa índole . As estimacións falan de entre 200.000 e 300.000 persoas chegadas de toda Europa para participar no contracumio, nun movemento que se atopaba entón no seu momento de máxima efervescencia.

O dispositivo de seguridade deseñado polo goberno de Silvio Berlusconi foi extremo. A cidade foi practicamente blindada coa instalación da chamada “zona rossa” (“zona vermella”), unha área fortemente vixiada e selada con barreiras de formigón á que só podían acceder os mandatarios . Un despregue de preto de 20.000 efectivos entre policías e militares ocupou as rúas, e incluso se situaron baterías de mísiles no aeroporto . Esta militarización, sumada ao clima de tensión previa xerado polos medios de comunicación, facía presaxiar un enfrontamento de enorme dureza.

As xornadas de protesta estiveron marcadas pola diversidade de estratexias. Mentres centos de milleiros participaban en marchas pacíficas e desobediencia civil, como a que o venres 20 tentou asediar a zona vermella, o “black bloc” e grupos desa mesma liña de acción directa protagonizaron accións contra símbolos do capitalismo e tiveron enfrontamentos coas forzas da orde en diversos puntos da cidade. No entanto, o que realmente conmocionou a opinión pública foi a desproporcionada resposta do Estado. Ese mesmo venres, o xove activista Carlo Giuliani, de 23 anos, foi asasinado por dous disparos dun carabineiro e posteriormente atropelado por un vehículo policial, converténdose no primeiro mártir do movemento.

A represión non rematou coa súa morte, pois desde aí iniciaríase a que se considera a maior violación de dereitos humanos dun estado occidental desde a II Guerra Mundial. Na noite do 21 ao 22 de xullo, a policía irrompeu violentamente no colexio Díaz-Pertini, onde durmían activistas e xornalistas, deixando un regueiro de 62 persoas feridas . Nos días seguintes, centos de persoas detidas foron trasladadas ao cuartel de Bolzaneto, onde sufriron malleiras e humillacións sistemáticas. Anos despois, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou ao Estado italiano, cualificando os feitos do colexio Díaz como “tortura” e recoñecendo os malos tratos en Bolzaneto . Estas sentenzas confirmaron que a violencia non foi un feito illado, senón unha estratexia premeditada para criminalizar o movemento antiglobalización e enviar unha mensaxe de advertencia ás futuras mobilizacións. Ao tempo Xénova 2001 deixou un legado incuestionable pois converteu a sabotaxe nun elemento cotiá: dende o boicot ás eléctricas ata a okupación de sedes bancarias.