Conceptos clave. Formas de acción non violenta
with Non hai comentarios

A orixe do concepto da non violencia remóntase ao termo “Ahimsa”: verbo derivado do sánscrito onde hims significa “desexo de matar” e o a- é o prefixo de negación. Este concepto, propio das relixións xainista e budista, foi utilizado politicamente por Gandhi na súa filosofía e na súa loita pola independencia. Deste modo, a non violencia pode definirse como o desexo de acabar coa violencia, xa sexa esta física ou estrutural, sen usar máis violencia para iso. Pode referirse a unha filosofía de respecto pola vida ou a unha teoría de acción social, ou a ambas ao mesmo tempo.

Como teoría de acción social centrámonos no concepto de non violencia activa, un conxunto de métodos de loita política e social nos que non se usan as armas. Estes métodos de loita son moi amplos e variados, e moitos deles foron recollidos por Gene Sharp en 1973. Pódense agrupar en tres categorías diferenciadas:

1. Protesta e persuasión

Aquí podemos atopar declaracións políticas en forma de discursos, manifiestos, cartas, peticións, carteis, folletos, listas de protesta… e actos públicos de protesta como representacións, vixilias, asembleas públicas, charlas… Mención especial teñen as marchas ou manifestacións, onde se convoca a gran cantidade de persoas que expresan ideas políticas marchando xuntas dun lugar a outro. Como exemplo temos as manifestacións contra a guerra de Iraq do 15 de febreiro de 2003, que convocaron millóns de persoas en máis de 600 cidades de todo o mundo.

2. Non cooperación

Pode referirse a métodos de non cooperación social, como negarse a colaborar (ex. negarse a ensinar o currículo nazi por parte do profesorado noruegués durante a segunda guerra mundial), a non cooperación política, como a desobediencia civil a leis ilexítimas ou inxustas (ex. o movemento insubmiso contra o servizo militar obrigatorio) e a non cooperación económica como o boicot (ex. boicot a produtos de Israel promovido polo movemento “BDS” polo xenocidio palestino), ou a folga (negarse a traballar).

3. Intervención

Poden ser métodos de intervención psicolóxica (como as folgas de fame), intervención física (como as sentadas, ocupacións ou bloqueos – usar o corpo como obstáculo), intervención social (como o uso de sistemas de comunicacións alternativos), intervención económica (como o uso dunha moeda alternativa) ou intervención política (como revelar axentes secretos). Mención especial teñen as accións de “plowshares“, nas que se desarma abertamente o armamento e se acepta a condena (ex. accións de “Palestine Action” no Reino Unido contra “Elbit systems”).

Fontes