Adherirse Máis información

 

ASINA: SALVEMOS O ÁRTICO!

QUE?

Recollida de sinaturas para lograr que as Nacións Unidas aproben o Tratado dos Océanos e o Ártico sexa declarado santuario.

QUEN?

A iniciativa procede de Greenpeace. Calquera persoa pode participar a título individual.

COMO?

Habilítase un formulario web dende o que introducir os nosos datos para asinar a petición.

ONDE?

É unha campaña de ámbito internacional, cuxo obxectivo é facer presión para a aprobación do tratado nas Nacións Unidas. O formulario para a sinatura atópase na páxina web de Greenpeace.

CANDO?

Antes da celebración das negociacións coas Nacións Unidas na súa asemblea xeral. Na súa decisión 74/543, do 11 de marzo de 2020, a Asemblea Xeral decidiu aprazar o cuarto período de sesións da conferencia debido á Covid-19.

CANTO?

Preténdese conseguir o maior número posible de sinaturas.

POR QUE?

Nos últimos 30 anos perdemos tres cuartas partes da capa de xeo flotante e en 2020 o xeo mariño acadou outro mínimo histórico.

Durante 800.000 anos o xeo foi parte permanente do Ártico. Agora derrétese polo uso desmedido de enerxías fósiles (este ano o mínimo de xeo foi o segundo peor da historia). A diminución de xeo terá consecuencias globais e afectará non só a morsas e osos polares, senón ao clima do planeta, aumentando a frecuencia de tormentas e fenómenos meteorolóxicos extremos. Para salvar o Ártico, debemos actuar xa.

Creando un santuario mariño no Ártico, poderemos crear espazos de amortecemento dos impactos do cambio climático nesta zona, onde a fauna mariña poida recuperarse e onde se limite a actividade industrial.

O xeo reflicte gran cantidade de calor solar cara ao espazo e mantén así fresco o planeta e estabiliza os sistemas meteorolóxicos dos que dependemos para cultivar os nosos alimentos. Protexer o xeo significa protexernos a todos e todas.