A aprobación do orzamento do ano 2021 en Guatemala, ás 5:30 da madrugada do Mércores 18 de Novembro, causou unha protesta multitudinaria no país, con máis de 10,000 manifestantes. A protesta, inicialmente pacífica, acabou terminando con incendios no edificio do Parlamento, ademais de 37 detidos e 22 persoas feridas1. Estas mobilizacións suceden tan só cinco anos despois das manifestacións multitudinarias que sacaron do poder ao entón presidente Otto Pérez Molina2, e son unha mostra do que sucede cando se seguen receitas austericidas que afectan á cidadanía máis vulnerable.
A razón principal para esta protesta é un controvertido orzamento que, a pesar de ser moi superior en cantidade ao do ano anterior con 99.700 millóns de quetzais3, deixou partidas esenciais para a poboación como hospitais e educación practicamente conxeladas, mentres se alimentaban outras de infraestruturas con concesións no sector privado. A aprobación levou a cabo nunha sesión parlamentaria opaca e de madrugada, ás 5:30, con carácter de urxencia. Todo isto nun país que, sen ser o máis pobre da súa rexión, está á cabeza en desnutrición crónica infantil4.
Esta protesta chega nun momento especialmente baixo da popularidade do presidente, Alejandro Giammattei, cunha poboación que denuncia a súa corrupción e a súa mala xestión da Covid-19. Segundo a empresa mexicana de investigación Mitofsky, o seu índice de aprobación caeu do 56% tras as eleccións ao 30% en xullo5. Tanto é así que mesmo o seu vicepresidente Guillermo Castelo pediu a renuncia de ambos os dous tras os sucesos no Parlamento. Giammattei reaccionou a estas protestas pedindo o amparo da comunidade internacional en busca de apoio para “a preservación da democracia en Guatemala”6.
Non é o primeiro caso de denuncias de corrupción en Guatemala, onde estas custaron os seus postos ao expresidente Pérez Molina e a súa vicepresidenta Roxana Baldetti7, ambxs xs dous/dúas en prisión. Segundo Transparencia Internacional, Guatemala é un dos países máis corruptos de América Latina, só por baixo de Venezuela, Haití e Nicaragua.
A gran mobilización e o clima de descontento social lograron, con todo, o seu obxectivo. O presidente do Congreso de Guatemala, Allan Rodríguez, anunciou o luns 23 que daría marcha atrás aos orzamentos8. Iso dálles de marxe só até o 30 de Novembro para aprobar un novo orzamento, ou pola contra seguiría vixente o do ano pasado. É unha mostra máis de como unha poboación que loita unida é capaz de gañar a partida á austeridade.
1 https://www.rtve.es/noticias/20201122/cientos-manifestantes-toman-congreso-guatemala-prenden-fuego/2058014.shtml 2 https://www.rtve.es/noticias/20201122/cientos-manifestantes-toman-congreso-guatemala-prenden-fuego/2058014.shtml 3 https://www.minfin.gob.gt/images/archivos/proypre21/DOCUENTOS/Proyecto%20Decreto.pdf 4 https://www.minfin.gob.gt/images/archivos/proypre21/DOCUENTOS/Proyecto%20Decreto.pdf 5 http://www.consulta.mx/index.php/encuestas-e-investigaciones/el-mundo/item/1317-asi-inicia-en-guatemala-alejandro-giammattei 6 http://www.consulta.mx/index.php/encuestas-e-investigaciones/el-mundo/item/1317-asi-inicia-en-guatemala-alejandro-giammattei 7 https://www.efe.com/efe/america/politica/baldetti-a-prision-15-anos-por-querer-descontaminar-un-lago-con-agua-magica-en-guatemala/20000035-3775251 8 https://es.euronews.com/2020/11/24/guatemala-retiran-el-polemico-presupuesto-tras-la-quema-del-parlamento
Máis Información:
https://www.resumenlatinoamericano.org/
Interésache:
PERÚ: GOLPE DE ESTADO… E REVOLUCIÓN