A Estratexia do Caracol (1993) é unha película colombiana dirixida por Sergio Cabrera e escrita por Humberto Dorado. É considerada por moitos críticos como a mellor película do cinema colombiano, e recibiu premios como os do Festival Internacional de Cinema de Berlín e o Festival de Cinema de Biarritz de América Latina.
Baseada nunha historia de Ramón Jimeno, a película trata sobre unha comunidade de veciñxs dun edificio coñecido como A Casa Uribe que se enfronta a un desafiuzamento, nunha zona empobrecida do centro de Bogotá. Tras loitar por medios legais contra o propietario, un empresario rico que ten plans para reconverter o edificio, a comunidade decátase de que non poderá quedar. Piden máis tempo ao xuíz para poder recoller as súas cousas, limpar e “deixar a casa pintada”, pero en realidade están a construír unha grúa xigante de madeira dentro do edificio para levar o interior da casa a outra localización, enganando ao propietario e ao xuíz.
Na Estratexia do Caracol retrátanse as graves consecuencias para as vidas dxs cidadánxs de que a vivenda sexa un activo financeiro en lugar dun dereito básico. A especulación inmobiliaria e a falta de políticas sociais están a conseguir, en Colombia e en todo o mundo, que sexa imposible habitar as cidades, e que estas se convertan nun “resort” para o turismo, nunha cuncha baleira sen alma.
A película mostra as distintas realidades da sociedade colombiana con personaxes moi diversos e de todo o espectro político, personaxes e realidades moi vixentes hoxe en día. Tamén amosa como a organización social é capaz de enfrontarse ao poder económico e estatal, e que a dignidade dos pobos e comunidades é un valor polo que paga a pena loitar.