Os días 17, 18 e 19 de abril, activistas de ECOAR))) participamos na segunda xerminación das Revoltas da Terra, en Bages, Barcelona. Unha mobilización de milleiros de persoas de distintos colectivos, un encontro da loita ecoloxista, pro-palestina e pola defensa do territorio. Unha mobilización masiva para confrontar a empresa ICL (Israel Chemicals Limited), que está a provocar un ecocidio en Cataluña e a colaborar co xenocidio en Gaza.
O sábado 17, a mobilización conseguiu que centos de activistas sabotearan un gran tramo de vía férrea que só se usa para transportar potasa ata Barcelona, inpidiendo temporalmente a actividade económica da empresa. Mentres tanto, un milleiro de persoas escalaban o Cogulló, unha enorme montaña-entulleira de residuos salinos deixados por ICL en Sallent, que se converteu na segunda montaña máis alta de Bages. Na cima, un mosaico humano formou a palabra PROU SAL (xa abonda de sal) para demandar o desmantelamento destas montañas de residuos xa. Para rematar, unha columna de bicis, coches e tractores bloqueou dúas autoestradas acabando ao barrio do Eixample, un barrio que se derrubou como consecuencia da actividade de ICL.
Os obxectivos da mobilización foron:
1. Expulsar ICL do territorio. ICL segue a contaminar os ríos Cardener e Llobregat con impunidade malia as sentenzas na súa contra, ademais de ter vínculos directos co xenocidio en Palestina, apoiando o exército israelí e proporcionando fósforo branco usado en Gaza.
2. Deter o desastre. As montañas brancas de residuos seguen a medrar e envelenar os ríos e o territorio, e continuarán facéndoo durante milleiros de anos se non as desmantelamos.
. Rexenerar e habitar o territorio. ICL e a Generalitat deberán achegar os recursos necesarios para impulsar procesos de rexeneración definidos polos actores afectados e que garantan vidas dignas no territorio. ICL provocou un ecocidio en Bages. A multinacional israelí chegou a Cataluña en 1998 para privatizar a explotación mineira de sal e potasa de Sallent e Súria.
ICL é a responsable directa da salinización da conca do río Llobregat, o que provoca a salinización das augas subterráneas e deste río e do Cardener, a perda de solo fértil e de biodiversidade e un impacto paisaxístico grave ao existir montañas de residuos e entulleiras salinas de maior altura ca outras montañas da zona. Ademais, o barrio da estación de Sallent tivo que ser desaloxado en 2009 por risco de colapso, e tres xeólogos morreron ao seren soterrados tras o colapso dunha galería, sen que se puidesen recuperar os seus corpos. ICL foi demandada numerosas veces, pero tras máis de 10 anos de denuncias, segue sen cumprir as condenas por delito ecolóxico.
Por se isto non abondase, ICL colabora directamente co xenocidio en Gaza. Esta empresa extrae potasa do Mar Morto, espoliando os recursos do pobo palestino. É unha peza clave da economía da ocupación e colabora co exército israelí, dando apoio económico aos soldados israelís responsables de crimes de guerra e xenocidio. Ademais, ICL comercializa fósforo branco para bombas usadas en Gaza. Estas bombas desprenden un produto incendiario que produce queimaduras irreversibles nas persoas, polo que o seu uso foi prohibido por convencións internacionais en zonas altamente poboadas. O exército israelí lanzou bombas de fósforo branco sobre escolas da ONU e hospitais en Gaza.
A mobilización das Revoltas da Terra foi un exemplo de resistencia local, de construción de poder popular e de autoorganización. Tres días nos que non só nos enfrontamos a ICL, senón que tamén creamos contracultura con pasarrúas, concertos, mesas redondas e obradoiros.
Revoltas da Terra nace dos encontros de loitas en defensa dos territorios dos Países Cataláns coa intención de crear sinerxías para pasar á acción; decidir colectivamente cales son as ameazas máis urxentes para detelas de maneira masiva; e construír espazos onde poder vivir. Web: https://www.revoltesdelaterra.cat/