O cumio da OTAN en Ancara: presións cara o rearmamento nun sistema en crise
with Non hai comentarios

A Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) celebrará en pouco menos dun mes, os días 7 e 8 de xullo de 2026 un cumio de líderes na capital turca, Ancara. Este encontro prodúcese nun contexto de desacordos internos sobre Ucraína e de presións sen precedentes para incrementar o gasto militar por riba do histórico 2% do PIB.

Pola súa banda, diversos colectivos sociais preparan contracumios para denunciar a escalada belicista e a subordinación aos intereses imperialistas de expansionismo militar norteamericano e europeo, servindo aos intereses do capitalismo. A propia evidencia amosa que a OTAN participou en invasións e intervencións militares en Exipto, Siria, Iraq, Iemen, Libia, Ucraína e outros puntos, e promoveu unha carreira armamentística que incrementou a tensión global e desviou recursos fundamentais das necesidades sociais cara á industria bélica.

Mentres, a esixencia de elevar o teito de gasto en defensa ao 5% do PIB para 2035 xera un intenso debate sobre o custo para as economías europeas. Destinar sumas extraordinarias ao exército faríase en detrimento de dereitos básicos como programas sociais, sanidade e loita contra o cambio climático.

En paralelo ao evento oficial, organizacións de esquerda, sindicatos e movementos pacifistas veñen convocando un “Cumio Antiimperialista Internacional pola Paz” en Istambul o 4 de xullo, como antesala das protestas en Ancara. Os convocantes, entre os que se atopan o Partido dos Traballadores de Turquía (TIP) e a Cuarta Internacional, denuncian que a OTAN é o brazo armado do imperialismo e esixen o peche de todas as bases militares da mesma en territorio turco, tal e como o fai o movemento antimilar no Estado español. As persoas activistas alertan de que a presión para elevar o gasto militar consome recursos creados pola clase traballadora que deberían destinarse á mesma, á vez que aumentan os riscos dunha escalada nuclear e ecolóxica.

OTAN NON. Bases fóra.