Los Chikos del Maíz é un trío de rap político de orixe valenciano nas cuxas letras critican a monarquía, a extrema dereita e posturas reaccionarias ao tempo que chaman á organización e á loita social. Defínense como marxistas e antifascistas, e utilizan o humor ácido e as referencias da cultura pop nas súas cancións. Foron obxecto de varios intentos de censura e de cancelación de concertos, acusados por concellos de dereita por “enaltecemento do terrorismo”.
O tema No pasarán pertence ao seu sexto álbum de estudo, Comanchería, e é unha chamada a combater o fascismo e o seu ideario racista e homófobo. A letra menciona os “nostálxicos do pasado”, referencia ao rexurdimento de ideas franquistas no estado español, e enuncia que “non volverán a matar ao poeta”, referíndose a Federico García Lorca.
Tamén fan unha dura crítica aos medios de comunicación xeralistas, que normalizan grupos neonazis e lavan a cara a partidos de extrema dereita, á vez que criminalizan grupos antifascistas. Fronte a isto, a letra menciona o cordón sanitario contra políticos de extrema dereita como Le Pen, Salvini e Abascal.
No pasarán é unha alerta antifascista cunha mensaxe clara: ao fascismo non se lle argumenta, destrúese.