Conceptos Clave. A folga.
with Non hai comentarios

A folga é un instrumento de presión da clase traballadora tan antigo como a propia explotación laboral. A interrupción colectiva e temporal da actividade produtiva decidida polxs traballadorxs co fin de reivindicar mellores condicións laborais ou manifestar unha protesta fronte á empresa, é un mecanismo normalizado xa no imaxinario social colectivo. A historia da folga é unha crónica da loita da clase obreira pola súa dignidade, polos seus dereitos e por unha sociedade máis xusta.

A primeira folga documentada da historia tivo lugar arredor do 1152 ANE no Antigo Exipto, durante o reinado de Ramsés III. Os artesáns de Deir el-Medina, que construían as tumbas reais, deixaron de traballar porque non recibiran o seu salario, que se pagaba en alimentos. A súa protesta foi exitosa e conseguiron cobrar o que se lles debía. Na Grecia antiga rexistráronse protestas de artesáns e mariñeiros por cuestións salariais, aínda que non se organizaban como as folgas modernas. Pola súa banda na Roma antiga produciuse un feito que non era exactamente unha folga laboral, pero si unha forma de presión colectiva moi eficaz: a secessio plebis (“retirada da plebe”) que a partir do século V ANE fixo que a plebe abandonase a cidade ou deixase de cumprir coas súas obrigas para presionar á clase patricia para acadar dereitos políticos e sociais.

Na Idade Media, a sociedade estaba organizada arredor do sistema feudal, polo que a maior parte do campesiñado dependía dun señor feudal e tiñan pouca capacidade para organizar folgas, aínda que si foron numerosas as revoltas campesiñas, case sempre motivadas polo exceso de impostos, as cargas feudais ou a fame. Se ben nas cidades, o artesanado, que estaba agrupado en gremios, en ocasións realizaba paros ou protestas cando había conflitos por salarios, impostos ou condicións de traballo, aínda que adoitaban ser limitados e normalmente resolvíanse dentro do propio gremio.

Coa chegada da Revolución Industrial (s. XVIII-XIX) a clase traballadora estivo sometida a condicións extremas (xornadas de máis de 12 horas, salarios miserables, traballo infantil…). Perante esta situación apareceron protestas espontáneas como a destrución de maquinaria por parte do ludismo, pero en pouco tempo a clase obreira comprendeu que a folga era unha ferramenta moito máis efectiva. A pesar de desenvolverse un marco legal que prohibía expresamente a organización obreira que se consideraba un delito penal, xurdiron asociacións obreiras de axuda mutua que articularon as primeiras folgas sectoriais.

Será xa na segunda metade do século XIX, cando o anarquismo e o socialismo conferirán ás reivindicacións un carácter revolucionario. A Primeira Internacional (1864) impulsará a unión obreira mundial acollendo no seu seo dúas posicións confrontadas onde o marxismo era partidario de organizarse nun partido para conquistar o Estado e o anarquismo era partidario dunha revolución inmediata contra todas as institucións estatais.

O 1º de maio de 1886 iniciáronse unha serie de protestas pola xornada de oito horas que terán o seu punto álxido na denominada revolta de Haymarket que provocará unha forte represión policial e que acabará con varios dirixentes executados polo estado. Estes serán coñecidos como os “Mártires de Chicago” e a revolta de Haymarket será o feito que empregará en 1889 a Segunda Internacional para declarar esa data como xornada anual da loita obreira.

O século XX comezou con folgas masivas pola xornada de oito horas, como a de 1919 en Winnipeg (Canadá). As folgas xerais paralizaron cidades enteiras, como a de 1926 no Reino Unido. Durante a Gran Depresión, os movementos obreiros gañaron forza, pero enfronte tiveron a empesarios como Ford que contrataban matóns e espías mentres realizaban despidos fulminantes, e que acabaron por desembocar en procesos de represión brutal como foron a matanza de Ludlow (1914, EEUU) ou a masacre de Ponce (1937, Porto Rico). Tras a II Guerra Mundial, as folgas contribuíron á expansión do Estado de benestar: vacacións pagadas, seguros de desemprego e pensións.

Nos anos 60-70, as folgas orientáronse cara a reivindicacións políticas e sociais, máis aló do estritamente laboral. O Maio francés do 68 exemplifica esta época, con folgas xerais que mesturaban estudantado e traballadorxs, e cuestionaban o capitalismo, o autoritarismo e a sociedade de consumo. Coa globalización e os procesos de desindustrialización occidental dende finais do s. XX seguirán desenvolvéndose folgas tradicionais pero tamén abrollarán novas formas de folga (folgas de consumo, folgas feministas, folgas climáticas, folgas xerais…).