Este texto forma parte dos contidos que terá o primeiro libro de ECOAR))) e que sairá á venda a finais do presente ano 2026. Gañar o relato”! Manual para combater o discurso de ultradereita.
Ningún réxime totalitario se consolida unicamente pola forza. Faino tamén grazas á capacidade das masas para asumir como normal aquilo que, tempo antes, parecía impensable. As sociedades raramente mudan de forma abrupta. Mesmo nos momentos de maior transformación política, os comportamentos colectivos adoitan responder a dinámicas previas de conformismo e adaptación. O ascenso da ultradereita constitúe un exemplo paradigmático deste fenómeno: o comportamento gregario das masas facilitou a aceptación progresiva dun réxime que se foi integrando na vida cotiá como unha secuencia de pasos máis que como unha ruptura. Pero por que sucede isto? Por que as persoas se deixan levar polo grupo?
As persoas son seres sociais que tenden a actuar, moverse ou pensar en grupo, seguindo as pautas da maioría, sen unha planificación individual. Este comportamento, herdado da súa evolución como especie social, busca seguridade, pertenza e redución da incerteza. Así pois a aparición de fenómenos sociais de masas fai que as persoas se comporten seguindo as pautas do grupo simplemente porque “todo o mundo o fai”. Isto é o que se coñece como comportamento gregario e ten un fundamento meramente adaptativo porque aforra esforzo mental. O malo é que o pensamento gregario bloquea o pensamento crítico pois delega as decisións e a responsabilidade no grupo. Nesta mesma liña actúa o nesgo de arrastre que se caracteriza porque as persoas adoptan as crenzas, decisións ou comportamentos da maioría, mesmo cando a súa propia información ou criterio lles suxire o contrario. Así pois o nesgo de arrastre neutraliza o medo a equivocarse das persoas ao tempo que lles dá seguridade partindo da suposición de que a maioría ten máis información ou razón ca elas. Este nesgo, tamén denominado bandwagon, provoca que a ultadereita funcione como unha “moda” polo que esa opción pasa a multiplicar a súa popularidade simplemente porque xa é popular. O bandwagon ten a súa orixe na política estadounidense do século XIX, cando os candidatos poñían músicos nun carro (wagon) e animaban á xente a “subir ao carro” durante os desfiles para apoiar ao que ía gañar. Este efecto multiplícase hoxe a través das redes sociais e as plataformas dixitais que potencian isto con algoritmos que nos mostran o que “é tendencia”, creando un círculo vicioso: canto máis xente o ve, máis visíbel se fai e, polo tanto, máis xente o ve.
Ao mesmo tempo que isto se produce, as persoas van expoñéndose publicamente a unhas ideas e, polo tanto, van configurando esas ideas como parte da súa identidade. Percíbense elas mesmas como parte dese grupo e, ao tempo, as demais tamén fan o propio. Canto máis tempo pasa unha persoa “vestíndose” con esa idea máis se adhire a ela e, polo tanto, máis lle custa desfacerse ou mudar. Estando neste punto as persoas tenden a protexer e reforzar a súa identidade, polo que cambiar, failles sentir “espidas”. Co fin de aforrar enerxía e reducir a incerteza as persoas “activan” o nesgo de confirmación a través do cal tenden a buscar, interpretar, favorecer e recordar aquela información que confirma as súas crenzas, hipóteses ou expectativas previas, mentres que, de forma simultánea, ignoran, desvalorizan ou esquecen a información que as contradí. Este nesgo opera de maneira inconsciente e considérase un dos principais obstáculos para o desenvolvemento do pensamento crítico, a toma de decisións obxectivas e o método científico, xa que pode levar a sobreestimar a solidez das propias crenzas e a perpetuar estereotipos, prexuízos ou teorías infundadas.