Este texto forma parte dos contidos que terá o primeiro libro de ECOAR))) e que sairá á venda a finais do presente ano 2026. Gañar o relato”! Manual para combater o discurso de ultradereita.
Dende esta perspectiva pódese afirmar entón que o sentido común non é un indicador de intelixencia ou racionalidade, senón un indicador de pertenza. A xente non cre no que cre porque sexa certo, senón porque o seu grupo llo ensina a crer, e porque crer niso é a forma máis directa de seguir sendo un “nós”. Por iso, mudar o sentido común dunha persoa non é unha cuestión de darlle mellores datos e lóxicas; é unha cuestión de facerlle cambiar de grupo ou de facer que o seu grupo cambie de normas. A ultradereita contemporánea entendeu perfectamente que non se gaña o poder convencendo á xente con razóns e datos, senón dándolle unha nova identidade, un novo grupo de pertenza e un novo sentido común. Non pide aos e ás votantes que analicen os datos; pídelles que se recoñezan nun “nós” que loita contra un “elxs”.
O concepto clave para crear esta transición e desprazar o sentido común da maioría social é a Ventá de Overton. Esta explica o mecanismo que describe o proceso gradual polo cal as ideas pasan de ser “inconcebibles” a converterse no “senso común”. A Ventá de Overton fai referencia ás posibles opinións que unha persoa ou organización pode expresar publicamente sen ser descualificada.
Así pois a Ventá de Overton represéntase graficamente cun marco rectangular (o marco da ventá, que representa o conxunto de ideas que, nese momento concreto da historia, son consideradas políticamente aceptables, discutibles e viables pola maioría da social) que se despraza lentamente ao longo dunha liña recta (unha liña que representa o espectro de todas as ideas políticas posibles, desde as máis “libres” ata as máis “autoritarias”). A clave da teoría é que a ventá non é fixa; móvese. As ideas que están dentro da ventá son as que a clase política pode defender abertamente sen ser sancionada socialmente. As que están fóra son consideradas “radicais” ou “impensables” e quen as defenda é visto como un extremista ou un perigo social.
Overton dividiu este espectro en seis categorías, polas que a ventá se move, que van dende a idea máis rexeitada ata a máis aceptada: inconcibible (ideas consideradas tan radicais ou inaceptables que nin sequera son discutidas posto que mencionalas é un suicidio social), radical (ideas que se discuten en círculos marxinais, pero que a maioría da sociedade rexeita por perigosas), aceptable (ideas con moita controversia que comezan a ser discutidas, pero que tampouco son populares), sensata (ideas que son vistas como prácticas e razoables), popular (ideas que son apoiadas pola maioría da poboación) e política de senso común (ideas que se asumen como naturais e sobre as que non hai debate, pois son a base do consenso social).
O desprazamento da ventá cara á dereita ou cara á esquerda non ocorre por casualidade, senón que o movemento desta é impulsado por axentes do cambio (think tanks, persoas da academia, medios de comunicación, activistas, movementos sociais, líderes sociais, crises ou eventos desencadeantes…). Un erro común é pensar que quen move a ventá é a clase política, pero a realidade é que esta simplemente se sobe a ela e déixase levar, porque se un/ha políticx defende unha idea que está fóra da ventá, perde votos, mentres que se a idea está dentro, x políticx pode apoiala sen risco.
E como é que se despraza a ventá? Overton definiu unha secuencia de 5 pasos que describe como unha idea transita dende a marxinalidade ata a súa implementación legal .
-
De Impensable a Radical. O primeiro paso é introducir a idea no debate público. Para iso, utilízanse estratexias como: defender a versión máis extrema da idea para captar a atención e desafiar as normas vixentes, xerar pensamento e investigación desde “think tanks” ou ámbitos académicos para darlle lexitimidade, usar unha linguaxe provocadora ou eufemismos que disfracen a natureza radical da proposta…
-
De Radical a Aceptable. Nesta fase, a idea comeza a ser discutida sen ser automaticamente rexeitada. A estratexia céntrase en: crear unha coalición diversa de apoios para amplificar a mensaxe, utilizar a “técnica do pé na porta” (deféndese unha versión máis moderada dunha idea ou unha política relacionada que sexa máis fácil de aceptar, para ir abrindo camiño), estigmatizar a oposición para silenciar as críticas…
-
De Aceptable a Sensato. A idea vaise asentando e comeza a ser vista como unha solución práctica e razoable. Para logralo as estratexias son: apelar aos valores e á identidade do público presentando a idea como aliñada co seu “sentido común”, personalizar o debate amosando casos concretos de persoas que se beneficiarían da medida para xerar empatía, normalizar a idea presentándoa como un avance ou unha tendencia inevitable a través dos medios de comunicación e a cultura popular…
-
De Sensato a Popular. A estas alturas a idea xa conta cun amplo apoio social. A clase política ve o tema como “seguro” e comeza a apoialo abertamento. A estratexia principal nesta fase é demostrar que é a opinión maioritaria, publicando enquisas e estudos que amosen o seu respaldo social.
-
De Popular a Política. O obxectivo final é a súa implementación como lei ou política pública. Durante esta fase preséntanse datos de opinión pública aos/ás responsables políticxs para demostrarlles que apoiala é un movemento electoralmente intelixente, ao tempo que se utilizan todas as canles posibles para manter a presión e a visibilidade, forzando a quen lexisla a actuar.
A Ventá de Overton simplemente nos fai conscientes de que o que actualmente consideramos “normal” e “sensato” é o resultado dunha longa batalla cultural, e que o que hoxe consideramos “extremista” pode ser a lei do mañá se os axentes adecuados conseguen desprazar a ventá. A ultradereita non gaña porque haxa unha tendencia “natural” inevitable; gaña porque, durante demasiado tempo, o resto de forzas asumiron que o sentido común era algo consolidado e non deron a batalla cultural. Non posicionarse perante o desprazamento da ventá é, na práctica, facilitar o seu movemento. Non hai neutralidade posible, pois cada idea que non se combate ou que se desatende é un paso máis do desprazamento do senso común cara ao marco da ultradereita.