Imperialismo. Evolución histórica: Breve repaso dende os imperios antigos ata o século XIX
with Non hai comentarios

A necesidade de comprender as formas de dominación que existiron ao longo da historia levou a definir en «Imperialismo. Definición de conceptos. Diferenzas entre imperio, imperialismo, colonialismo e neocolonialismo» varios conceptos clave, dando inicio a esta serie de artigos sobre o imperialismo. Nesta segunda entrada, realizarase un repaso histórico para coñecer os principais imperios que existiron ao longo da historia.

Os primeiros imperios da historia xurdiron en Mesopotamia, co Imperio Acadio (ca. 2334–2154 a.e.c.), e algo máis tarde tamén en Exipto, co Imperio Novo de Exipto (ca. 1580–1085 a.e.c.). Estes primeiros imperios eran rexionais porque a súa extensión territorial e o seu alcance administrativo limitábanse a unha única rexión xeográfica e cultural (Mesopotamia ou o val do Nilo).

Porén, o primeiro imperio a gran escala será o Imperio aqueménida de Persia (ca. 550–330 a. e. c.). Baixo Darío I acadou o seu período de máxima expansión territorial. Así, foi o primeiro imperio en acadar escala continental e multicultural, abarcando uns 5 millóns de quilómetros cadrados (aproximadamente a metade da superficie de Europa) e decenas de pobos diferentes. Aínda que as cifras varían, Darío gobernou sobre uns 50 millóns de persoas, o 44 % da poboación mundial do momento, o que constitúe o récord histórico de «imperio máis grande por porcentaxe de poboación mundial».

A clave do seu exito estivo na creación das satrapías: provincias gobernadas por sátrapas responsables ante o rei pero con considerable autonomía local. A lingua administrativa común foi o arameo e a moeda estándar o dárico de oro. Ademáis, creou un sistema de carreteras e mensaxería que permitía conectar de maneira áxil o centro de poder coas zonas periféricas. Otro elemento clave foi a tolerancia relixiosa sobre os pueblos conquistados. As satrapías pagaban tributos ao goberno central, que ademáis dominaba as rutas comerciais. Este equilibrio entre o poder central e o resto de rexións foi fundamental para a estabilidade do imperio, marcando as claves para outros que vendrían máis tarde.

O final do Imperio Persa chegou coa expansión do Imperio Macedonio liderado por Alexandre Magno no período 336-323 a. e. c. Baixo o seu goberno, o imperio alcanzou a súa máxima expansión coa conquista do Imperio Persa. Porén, a súa duración foi breve, pois tras a morte de Alexandre aos 33 anos, as loitas polo poder desestabilizaron o imperio.

O Imperio Romano (27 a. e. c.-395 e. c. [unificado]; 395-476 e. c. [Occidente]; 395-1453 e. c. [Oriente]) no seu apoxeo, baixo Traxano, abarcaba desde o Atlántico ata Mesopotamia. Nese momento, cara ao 117 e. c., tiña unha extensión duns 5 millóns de quilómetros cadrados e gobernaba sobre unha poboación estimada de entre 50 e 60 millóns de persoas (arredor do 20 % da poboación mundial da época segundo estimacións). O latín no Occidente e o grego no Oriente servían de linguas administrativas, mentres o denario e o sólido circulaban como moedas imperiais. A división do 395 e a caída de Roma en Occidente en 476 marcaron o fin dunha era, aínda que o Imperio bizantino sobreviviu ata 1453.

O Califato Omeia (661-750 e. c.) chegou a ocupar case 15 millóns de quilómetros cadrados e gobernar sobre uns 62 millóns de persoas (aproximadamente o 29 % da poboación mundial). Foi o primeiro califato hereditario do islam. A súa capital estaba en Damasco (Siria), e nel produciuse unha importante expansión territorial cara ao oeste (Península Ibérica, norte de África) e cara ao leste (Persia, Asia Central, val do Indo).

O Califato Omeia foi substituído polo Califato abasí (750-1258), que viviu a súa época máis próspera no período 786-809 e. c. Fundado no 750 tras unha revolta contra os omeias, trasladou a capital a Bagdad (Iraq). A súa época de máximo esplendor coincidiu cunha idade de ouro da ciencia, a filosofía e as artes, con contactos culturais e comerciais con Europa, a India e a China. A continuación comezaría a decadencia, que remataría coa invasión dos mongois no 1258, cando Bagdad foi destruída.

O Imperio mongol (séculos XIII–XIV) foi fundado por Gengis Khan, quen estivo ao mando durante o período 1206-1227. Tras a súa morte, continuou a súa expansión, chegando a converterse no maior dominio terrestre da historia (entre os imperios constituídos por territorios continuos). Alcanzou os 24 millóns de quilómetros cadrados, albergando aproximadamente 110 millóns de habitantes, arredor dunha cuarta parte da poboación mundial.

O Imperio Otomano (1299–1922) foi un dos máis duradeiros, con presenza en tres continentes: sueste de Europa, Asia occidental e norte de África. Alcanzou a súa máxima expansión en 1683 con 5,2 millóns de quilómetros cadrados e unha estimación duns 24 millóns de persoas, aproximadamente o 4 % da poboación mundial segundo estimacións. O seu declive iniciose no século XVIII, culminando coa súa desintegración tras a Primeira Guerra Mundial (1914-1918).

O Imperio español (s. XV-s. XX) alcanzou a súa máxima expansión en 1790 con máis de 20 millóns de quilómetros cadrados e 60 millóns de habitantes, aproximadamente o 6 % da poboación mundial. Foi o primeiro imperio global da historia, pois baixo os Habsburgo (Carlos I e Filipe II) abarcou territorios en América, Europa, Asia (Filipinas) e África. A súa posición como potencia global comezou a declinar tras a Guerra dos Trinta Anos (1618-1648) e, sobre todo, coa independencia das colonias americanas no século XIX (guerras de independencia, 1810-1830). A independencia de Cuba, Porto Rico e Filipinas en 1898 marcou o seu fin como imperio colonial, aínda que abandonaría a súa última colonia, o Sáhara Occidental, no ano 1976.

O Imperio británico (s. XVI-s. XX) alcanzou a súa máxima expansión en 1920, momento no que abarcou uns 35 millóns de quilómetros cadrados e case a cuarta parte da poboación mundial. O Imperio Británico combinou o dominio formal (colonias administradas directamente) co dominio informal, exercido mediante bancos, compañías e tratados desiguais en rexións independentes. A libra esterlina funcionaba como moeda de referencia mundial, e a Royal Navy garantía o control das rutas marítimas. O proceso de descolonización comezou tras a Segunda Guerra Mundial (1947: independencia da India), e hoxe sobrevive como Mancomunidade de Nacións (Commonwealth). Aínda permanecen baixo soberanía británica catorce territorios de ultramar, a maioría dos cales figuran na lista de territorios pendentes de descolonización da ONU.

O imperialismo transformouse radicalmente no século XIX coa irrupción da Revolución Industrial e o auxe do capitalismo. Xa non se trataba só de conquista territorial, senón dunha fase monopolista do capitalismo na que a exportación de capitais, a fusión do capital industrial e financeiro e o expolio dos recursos das colonias se converteron en motores da expansión.

O Imperio Ruso (1721-1917) foi un dos maiores imperios da historia en extensión territorial. Fundado oficialmente por Pedro I o Grande en 1721, cando o Senado lle outorgou o título de emperador, o imperio xurdiu do antigo Zarato de Moscovia e expandiuse ata converterse nun vasto dominio que abarcaba Europa oriental, Asia setentrional e mesmo América do Norte (Alaska) . No seu apoxeo, cara a 1895, acadou os 22,8 millóns de quilómetros cadrados, o que supuña aproximadamente un sexto das terras emerxidas do planeta. Segundo o censo de 1897, a poboación ascendía a 128,2 millóns de persoas, cunha grande diversidade étnica (máis de 100 grupos, dos cales os rusos representaban o 44 %). A súa capital foi San Petersburgo (rebautizada como Petrogrado en 1914) . O imperio caracterizouse por unha monarquía autocrática hereditaria encabezada polo zar, que controlaba tamén a Igrexa Ortodoxa Rusa, e por unha estratificación social ríxida. A súa desintegración culminou coa Revolución de Outubro de 1917, que puxo fin ao réxime imperial.

A evolución dos imperios revela unha progresión desde estruturas de dominación rexional cara a un sistema global de competencia entre potencias. Cada época estivo dominada por uns mecanismos que foron evolucionando. Durante séculos estiveron caracterizaodos por un poder directo centralizado, que impuña unha lingua administrativa, unha moeda e o pago de tributos, administraba as conexións entre rexións (rutas terrestres/marítimas e mensaxería) e dominaba as rutas comerciais. A estabilidade do sistema dependía de gobernantes locais que administraban as distintas rexións. Este sistema evolucionou nos últimos séculos. A partir dó século XIX, unha combinación de control territorial, financeiro e comercial configurou o mundo contemporáneo.


Fontes