A manipulación dos procesos electorais (especialmente intervidos por Israel e EEUU) e a alteración da axenda e da percepción da realidade da maioría social por parte das grandes tecnolóxicas a través dos seus instrumentos (IA, bots, algoritmos…) permiten ver que a batalla xa non se libra só nas urnas, senón que en moito depende dos algoritmos. En Brasil, Meta foi sancionada polo Tribunal Superior Electoral tras a denuncia da campaña de Lula por limitar a difusión dos seus contidos e favorecer os do seu adversario; traballadores da compañía admitiron internamente que a conta de Lula fora restrinxida durante o proceso electoral. Os tecnooligarcas (Musk, Dúrov, Bezos e os seus pares) non son actores neutrais: financian campañas con centos de millóns de dólares, controlan plataformas que moldean a opinión pública e impoñen unha lóxica de desinformación e polarización que beneficia ás forzas reaccionarias. A batalla entre democracia e oligarquía tecnolóxica é, hoxe, unha fronte clara e decisiva.
Se ben a pesar desta situación semella que as rúas volven ser o motor deste novo ciclo. A indignación volve estar ben pegada ao pavimento e parece que as cidades e vilas volven respirala. En Francia, as protestas contra a vida cara e a precariedade reuniron a máis de 500.000 persoas en todo o país, coa participación dos “chalecos amarelos” e cunha mocidade que xa non só esixe melloras educativas, senón unha redistribución real da riqueza. No Estado español, o Sindicato de Inquilinas logrou asentar un campamento en Sol e mobilizar a máis de 70.000 persoas en Madrid baixo o lema “Cara á folga xeral”, convertendo a crise da vivenda nunha fronte de loita de clases contra os fondos voitres e o rentismo que acabou por provocar a convocatoria anticipada de eleccións xerais á presidencia do estado. En Alemaña, a iniciativa “Gen Z regelt” saíu ás rúas para esixir xustiza social e acción climática ao tempo que rexeitaba a militarización. Pola súa banda, en Nepal as protestas da chamada “Xeración Z” foron tan contundentes que lograron alterar o taboleiro político e cambiar á presidencia, a pesar de que o novo goberno intenta agora limitar as liberdades conquistadas, o que demostra que a vixilancia popular debe ser permanente .
Unha característica definitoria deste novo ciclo é a irrupción da Xeración Z. Esta xeración, que naceu e medrou en plena crise, non acepta a precariedade como destino. A súa mobilización non é un fenómeno illado: comparte unha linguaxe común de esixencia de dignidade, vivenda accesible, educación pública e futuro. Desde as aulas en Serbia ata as rúas de París ou Madrid, os mozos e mozas están a ser a vangarda dunha nova forma de facer política, menos institucional e máis horizontal, pero profundamente eficaz e que está a demostrar que pode conseguir remover o taboleiro institucional.
Fronte á ofensiva reaccionaria e tecnolóxica, rexurden as ideoloxías de esquerda tradicional e as novas formas de organización que beben directamente do movemento antiglobalización. O comunismo e o anarquismo, lonxe de ser reliquias, volven verse como referencias nas que apoiarse para articular a protesta social nun contexto de crise sistémica: en Francia, redes de colectivos comunistas, socialistas e anarquistas teñen un papel organizativo central nas mobilizacións, mentres en Grecia, Italia e o Estado español reaparecen movementos relacionados co socialismo e coordinadoras de loita que conectan a crítica anticapitalista coa acción directa. Paralelamente, as novas formas de organización social amósanse como herdeiras do movemento antiglobalización (movementos pola vivenda, polos dereitos sociais, pola xustiza climática e contra o poder das grandes tecnolóxicas) construíndo pontes entre a loita institucional e a desobediencia civil, entre o local e o global. A experiencia organizativa dos movementos sociais, a institucionalidade gañada nas urnas e a enerxía irreverente da nova xeración conflúen nunha síntese que non repite o pasado, senón que o supera.
A pesar deste inicio de cambio de ciclo débese ter en conta que os movementos reaccionarios e de extrema dereita non foron derrotados. Os intentos de deslexitimación dos resultados electorais e a forte represión das protestas nos diferentes estados deixan ver que a extrema dereita está a resistir e a intentar reorganizarse. Con todo, o cambio de tendencia parece que xa ten comezado. Este novo ciclo parece que se constrúe apoiándose na experiencia organizativa dos movementos sociais, a institucionalidade gañada nas urnas e a enerxía irreverente da xeración Z. Hai unha oportunidade histórica para transformar o malestar en hexemonía, e todxs temos a obriga de non desaproveitala.