“B.Y.O.B.” (“Bring Your Own Bombs”) é o primeiro sinxelo do álbum Mezmerize (2005) da banda estadounidense System of a Down. A canción publicouse na primavera de 2005, dous anos despois do inicio da invasión de Irak, e converteuse nun dos himnos de protesta máis recoñecibles do grupo, cunha mensaxe que apunta directamente á desigualdade de clase no recrutamento militar e á hipocrisía dos poderes políticos.
A composición asinárona Daron Malakian e Serj Tankian, aínda que a súa autoría foi obxecto dun litixio xudicial. Nunha sentenza de maio de 2010, o xuíz Robert W. Sweet, do tribunal federal de Manhattan, ditaminou que ambos eran os únicos autores da canción, desestimando as reclamacións de Casey Chmielinski (coñecido como Casey Chaos), que alegaba ter participado na súa creación. A produción correu a cargo de Rick Rubin e o propio Malakian, e o tema editouse baixo os selos American Recordings e Columbia Records.
A orixe da canción está marcada pola ocupación de Irak e a chamada “Guerra contra o Terror” impulsada polo goberno de George W. Bush. A letra incide na idea de que son os sectores sociais máis desfavorecidos os que nutren as filas do exército, unha crítica que o propio tema resume na súa pregunta central: “Why do they always send the poor?” (“Por que sempre envían aos pobres?”). O título xoga coa expresión inglesa “Bring Your Own Beer” (“trae a túa propia cervexa”) para transformala en “Bring Your Own Bombs”, ironizando sobre a banalización da guerra.
A nivel musical, o tema combina a agresividade do metal alternativo con cambios de ritmo e pasaxes melódicas que reflicten a mestura e tensión que se dá entre a aparente normalidade e a violencia do conflito. O vídeo, dirixido por Jake Nava amosa un exército de soldados con máscaras que proxectan palabras como “Die” (“morre”), “Obey” (“obedece”) ou “Buy” (“compra”), subliñando tres piares sobre os que se constrúe a hipócrita e violenta sociedade do momento: o comportamento inhumano das tropas, a manipulación mediática e o consumismo derivado dun capitalismo desaforado.
A canción funcionou como combustible para un movemento cidadán que xa estaba na rúa a escala planetaria. O 15 de febreiro de 2003, menos de cinco semanas antes do inicio da invasión, entre 10 e 15 millóns de persoas manifestáronse en preto de 600 cidades de todo o mundo contra a guerra en Iraq, que se considera a maior protesta antiguerra da historia. Cando o sinxelo de System of a Down chegou ás ondas en 2005, a guerra xa se convertera nunha ocupación prolongada e a indignación social necesitaba novos canais de expresión.
A motivación central da canción é a denuncia da hipocrisía das elites que deciden as guerras sen sufrir as súas consecuencias, así como a chamada á conciencia cidadá fronte á propaganda e á indiferenza. A mentira que xustificou a invasión tiña nomes e apelidos. O chamado “trío dos Azores”, formado por George W. Bush, Tony Blair e José María Aznar, sostivo ante a opinión pública que o réxime de Sadam Husein posuía armas de destrucción masiva e que representaba unha ameaza inmediata, ignorando o criterio dos inspectores da ONU, que non atoparan tales arsenais. Cando a guerra rematou coa caída de Bagdad, as armas nunca apareceron. A Administración Bush e o goberno británico atribuírono a “erros de intelixencia”, mentres que Aznar mantivo durante anos a defensa da súa decisión sen admitir engaño algún. O interese real detrás do conflito apuntaba noutra dirección: o interese no pretróleo iraquí e o control militar de puntos xeoestratéxicos en Oriente Medio que permitise a contención de calquera potencia rexional que puidese desafiar a orde imposta desde Washington.
Listaxe de fontes
-
BLABBERMOUTH.NET (2005). SYSTEM OF A DOWN: Sneak Peek At ‘B.Y.O.B.’ Video Available Online. https://blabbermouth.net/news/system-of-a-down-sneak-peek-at-b-y-o-b-video-available-online
-
BLABBERMOUTH.NET (2005). SYSTEM OF A DOWN Film Video For ‘B.Y.O.B.’. https://blabbermouth.net/news/system-of-a-down-film-video-for-b-y-o-b
-
BLABBERMOUTH.NET (2005). SYSTEM OF A DOWN Drop F-Bomb On ‘Saturday Night Live’. https://blabbermouth.net/news/system-of-a-down-drop-f-bomb-on-saturday-night-live
-
BLABBERMOUTH.NET (2005). SYSTEM OF A DOWN Drummer Doesn’t Understand Hoopla Surrounding ‘Saturday Night Live’ F-Bomb. https://blabbermouth.net/news/system-of-a-down-drummer-doesn-t-understand-hoopla-surrounding-saturday-night-live-f-bomb
-
GRAMMY.com (2006). Hard Rock Performance 2006 Winners & Nominees. https://www.grammy.com/awards/categories/hard-rock-performance/2006/
-
GRAMMY.com (2024). System Of A Down | Artist. https://www.grammy.com/artists/system-down/6694/
-
Justia (2010). Maxwood Music Limited v. Malakian et al., Sentenza do Tribunal Distrital dos EUA. https://cases.justia.com/federal/district-courts/new-york/nysdce/1:2008cv01730/321384/39/0.pdf
-
Justia Dockets (2010). Maxwood Music Limited v. Malakian et al.. https://dockets.justia.com/docket/new-york/nysdce/1:2008cv01730/321384
-
The New York Times (2010). Judge Totally Rules on System of a Down Song. https://archive.nytimes.com/artsbeat.blogs.nytimes.com/2010/05/26/judge-totally-rules-on-system-of-a-down-song/
-
BBC News (2003). Global anti-war protest rally. http://news.bbc.co.uk/2/hi/uk_news/2765815.stm
-
Guinness World Records (2003). Largest anti-war rally. https://guinnessworldrecords.de/world-records/74335-largest-anti-war-rally