Este domingo 25 de Novembro o proxecto 13 Editora rematou de colocar os alicerces dun proxecto que xa é realidade grazas a máis de 50 persoas que, a través das súas achegas á campaña de microfinaciamento, facilitaron a consecución do orzamento para o primeiro impulso que porá en marcha 13 Editora.
Sendo este un proxecto editorial sen ánimo de lucro, de carácter independente, que xorde ao abeiro de ECOAR))), 13 Editora nace co firme obxectivo de difundir, en lingua galega, obras reflexivas e contidos prácticos destinados á formación, dende distintas olladas alternativas á corrente maioritaria, repercutindo positivamente na activación das persoas e sociedades, e dotándoas de ferramentas de carácter diverso para interpretar e diagnosticar a realidade e a si mesmas dende unha perspectiva plural e crítica en prol dun sistema social xusto.
Os contidos que lanzará 13 Editora, terán por obxectivo tanto ampliar os coñecementos das persoas que xa teñen percorrido e experiencia no campo do activismo, así como das persoas críticas que buscan comezar a activarse.
O crowdfunding contempla a edición das dúas primeiras obras de 13 Editora, incluíndo:
- Consecución de dereitos de tradución e publicación (todas aquelas cuestións derivadas das condicións editoriais).
- Produción do libro (impresión e encadernación).
- Distribución do libro (tanto en envíos puntuais como aos puntos de venda fixos).
Dende ECOAR))) agradecemos todas e cada unha das mostras de apoio recibidas que posibilitan a posta en marcha deste novo proxecto, que sería imposible construír sen a vosa axuda. Convidamos a toda a cidadanía a facer un uso activo desta nova ferramenta para activarse e activar ás persoas que nos rodean. Así mesmo convidámosvos a todxs á presentación que terá lugar o próximo ano. Estade atentxs!