COMUNICADO: UN FUTURO SEN CARBÓN

with Non hai comentarios
Os custos sanitarios das centrais de carbón en Galicia ascenden a 430 millóns de euros anuais

  • Os custos sanitarios estimados para Galicia derivan dos 117 ingresos hospitalarios e dos 52.000 días de traballo perdidos atribuíbles á contaminación do aire polas centrais das Pontes e de Meirama.
  • A recén creada plataforma Galiza, un futuro sin carbón pide ao Goberno español e á Xunta unha transición enerxética xusta e o abandono do carbón antes de 2025.

Galiza, 28 de novembro de 2018-. A plataforma Europe Beyond Coal, da que forma parte Galiza, un futuro sen carbón [1], lanzou a semana pasada o informe “Last Gasp: The coal companies making Europe sick” [2] (Último alento: As compañías do carbón que están enfermando Europa). Este informe suliña o custo oculto do uso de carbón para a produción de electricidade, utilizando modelos de datos [3] que teñen en conta as emisións das centrais e a meteoroloxía para estudar os seus impactos na calidade do aire e a saúde da poboación.

Os resultados amosan a elevada responsabilidade que teñen compañías de enerxía europeas que utilizan carbón para xerar electricidade. As emisións de gases tóxicos e partículas procedentes das súas centrais implican custos inasumibles para as persoas de toda Europa, provocando graves problemas de saúde e até 22.000 millóns de euros en custos ocultos, segundo o modelo detallado. As máis de 250 centrais de carbón que operan actualmente en Europa son responsables de 7.600 muertes prematuras anuais.

En Galicia operan desde hai catro décadas dúas térmicas de carbón. A das Pontes é propiedade de Endesa. Naturgy (antes Gas Natural Fenosa) é propietaria da central de Meirama (Cerceda). Ambas as dúas provocaron 143 mortes prematuras durante 2016, ano ao que se refire o informe. Ademais, foron responsables de  5.000 casos de síntomas de asma en nenos e nenas, de 106 novos casos de bronquite crónica e de 117 ingresos hospitalarios por problemas respiratorios e cardiovasculares. Os custos sanitarios por causa dos ingresos hospitalarios e máis da perda de 52.000 días de traballo estimáronse en até 430 millóns de euros [4].

Considerando o número de mortes prematuras causadas, dun total de 265 centrais de carbón europeas estudadas, a das Pontes ocupa a posición 29, mentres a de Meirama sitúase na 64.

A compañía máis contaminante en Galiza é Endesa, debido á súa térmica de carbón das Pontes, a maior do Estado español. Actualmente Endesa está a realizar investimentos para adaptala aos límites de emisións á atmosfera máis estritos marcados pola normativa europea vixente, para o cal conseguiu unha prórroga de catro anos e medio [5]. Pola contra, Naturgy aínda non decidiu se acometerá ou non a reforma da súa central de Meirama. De non facelo tería que pechala en 2020.

É importante salientar que a normativa europea que esixe reformas nas centrais das Pontes e de Meirama para poderen funcionar máis alá de 2020 refírese ás emisións de partículas e de gases tóxicos nocivos para a saúde humana, mais non limita as elevadas emisións de dióxido de carbono (CO2) causantes de cambio climático inherentes á queima de carbón. As centrais de carbón son a maior fonte emisora de gases causantes de cambio climático en Galicia, achegando un terzo das emisións totais nos últimos anos.

Este informe deixa claro que a contaminación atmosférica das centrais de carbón chega até lugares moi afastados, causando cuantiosos prexuízos asumidos polo conxunto da cidadanía, non polas empresas propietarias das térmicas de carbón. Danos aos que cómpre sumar os derivados das emisións de CO2 causantes de cambio climático, non considerados no informe.

A plataforma Galiza, un futuro sen carbón demanda o peche das centrais de carbón, a máis tardar, en 2025, garantindo unha transición xusta.

Notas[1]. A plataforma Galiza, un futuro sen carbón está impulsada por organizacións ecoloxistas de ámbito galego e español, ademais doutros colectivos e de cooperativas verdes: ADEGA, Amigos da Terra, Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Ecoar Global, Ecoloxistas en Acción, Feitoría Verde, Ghichas Co-mando, Greenpeace, Nosa Enerxía, Petón do Lobo, Plataforma contra a Mina de Touro-O Pino, Verdegaia. O seu manifesto fundacional está dispoñible en: https://galizasencarbon.blogspot.com/ A plataforma lanzou unha campaña de accións con motivo do Cumio de Cambio Climático de Polonia (COP24). O 1 de decembro haberá unha concentración diante da central de carbón das Pontes (adxuntamos cartaz).

[2]. “Last Gasp: The coal companies making Europe sick” é un informe elaborado e impulsado por Europe Beyond Coal, Sandbag, Greenpeace e o European Environmental Bureau. Pódese descargar en: https://beyond-coal.eu/last-gasp/

[3]. A metodoloxía de impacto na saúde utilizada no informe baséase nas recomendacións do proxecto “Riscos de saúde da contaminación do aire en Europa” (HRAPIE) da Organización Mundial da Saúde en Europa sobre avaliacións de impacto na saúde da contaminación do aire. Inclúe modelos atmosféricos co modelo informático do Centro Europeo de Monitoreo e Avaliación Meteorolóxica de Sintetización – Oeste (EMEP MSC-W), que tamén emprega a Axencia Europea de Medio Ambiente para as avaliacións da Comisión Europea dos impactos na saúde da contaminación do aire en Europa. Este informe non tenta cuantificar todas as incidencias de saúde reais nin os seus custos reais.

[4]. Táboa cos datos do informe Last Gasp para as centrais de carbón situadas en Galicia.

[5]. Os novos valores límite para a emisión de SO2, NOX e partículas estabelecidos na Directiva 2010/75/UE (Directiva de Emisións Industriais, DEI) entraron en vigor o 1 de xaneiro de 2016. Porén, Endesa e Naturgy acolléronse a unha excepción (Plan Nacional Transitorio) que atrasa até despois do 30 de xuño de 2020 o cumprimento deses límites.