Conceptos Clave. Violencia, vandalismo, terrorismo e non-violencia

with Non hai comentarios

A estrutura de poder ten buscado asociar historicamente a protesta e a disidencia coa violencia empregando diferentes conceptos como sinónimos entre si, equiparando así a violencia coa disidencia e a non-violencia cos procesos reformistas. Así pois distinguiranse a continuación cinco conceptos clave:

Violencia. Enténdese por violencia o uso deliberado de forza física ou psicolóxica contra persoas, grupos ou comunidades coa intención de causar dano. Galtung distinguirá tres niveis:

  1. Violencia directa. Actos explícitos que implican accións que causan dano físico ou psicolóxico a persoas ou grupos. Un exemplo sería unha carga policial nunha protesta como sucedeu no 2020 coas manifestacións do Black Lives Matters en USA.
  2. Violencia estrutural. Sistemas sociais que impoñen sufrimento mediante a través de perpetuar as desigualdades e privacións institucionalizadas  limitando as oportunidades e o benestar das persoas. Un exemplo serían os desafiuzamentos provocados polas entidades bancarias.
  3. Violencia cultural. Conxunto de valores, crenzas, normas e prácticas sociais que normalizan, xustifican ou minimizan a violencia. É a menos identificable. Un exemplo serían os discursos de odio ou os estereotipos de xénero.

Vandalismo. O vandalismo refírese a danos deliberados á propiedade privada ou pública sen autorización legal. Nas accións sociais forma parte do repertorio habitualmente como táctica que busca un forte simbolismo. Difire da violencia en que o vandalismo busca un dano material, en ningún caso pretende danar ás persoas, grupos ou colectivos. Exemplo disto serían os tapiados de sedes de empresas transnacionais en Seattle 1999 ou as pintadas contra sedes bancarias nas protestas do 15M ou de Occupy Wall Street no ano 2011.

Terrorismo. O termo terrorismo ten orixe na Revolución Francesa (“réxime do Terror”, 1793-1794). A OHCHR define o terrorismo como a intimidación ou coerción de poboacións ou gobernos mediante a ameaza ou a violencia que pode resultar en morte, lesións graves ou toma de reféns. Se ben na maioría de gobernos emprégase lexislativamente como un concepto aberto para deter as posicións disidentes aplicándose así de xeito completamente asimétrico: por exemplo a queima de contedores durante unha folga ou o bloqueo dun aeroporto a través dunha protesta pode considerarse “terrorismo”, mentres que a masacre por parte dos carabinieri durante as protestas de Xénova de 2001 que acabaron coa vida de Carlo Giuliani e con centos de feridxs son “danos colaterais” da realización do labor policial.

Non-violencia. A acción non-violenta non é un intento de previr ou ignorar o conflito, senón que é unha técnica a través da cal as persoas rexeitan a pasividade e a sumisión a unha orde imposta desenvolvendo a súa loita sen o emprego de violencia. Debe diferenciarse entre non-violencia activa e non-violencia pasiva.

  • Non-violencia activa. A non-violencia activa combina resistencia civil e desobediencia para desafiar os sistemas opresivos. É unha posición estratéxica que rexeita a violencia, pero asume o  emprego da forza para defenderse. A non-violencia é un medio para acadar un cambio social. Un exemplo serían os boicots masivos contra o apartheid sudafricano dende os anos 80.
  • Non-violencia activa. A non-violencia pasiva baséase en resistencia simbólica sen confrontación. É unha posición ética que rexeita calquera forma de violencia. A non-violencia é o fin mesmo. Un exemplo de non-violencia pasiva serían as vixilias das Nais da Praza de Maio dende a década de 1970.

A diferenza esencial reside na intencionalidade:

  • Violencia busca impoñer mediante dano a persoas, grupos ou comunidades.
  • Vandalismo busca chamar a atención a través de destrozos materiais.
  • Terrorismo busca instrumentalizar o medo a través da ameaza ou a violencia.
  • Non-violencia busca priorizar cambios sistémicos mediante a presión ética.