with Non hai comentarios

A película “Federica Montseny, La dona que parla“, dirixida por Laura Mañá, recupera a memoria dunha das figuras máis relevantes do movemento libertario no Estado español durante a Segunda República e a Guerra Civil. Nunha época de progresiva perda de dereitos e de auxe do fascismo, resulta esencial lembrar figuras como a de Federica Montseny, que xogou un papel fundamental na loita pola emancipación social.

Federica Montseny (1905-1994), filla dos tamén anarquistas Juan Montseny e Teresa Mañé, foi unha activista, política, escritora e oradora que marcou o movemento obreiro, a loita polos dereitos das mulleres e a resistencia contra o fascismo. Foi a primeira muller que ostentou un cargo ministerial no Estado español, sendo tamén unha das primeiras en Europa Occidental. Durante o breve período en que ocupou a carteira de Sanidade e Asistencia Social, Montseny impulsou medidas pioneiras e avanzadas para a época: redactou o primeiro anteproxecto de lei do aborto no Estado e creou os chamados “liberatorios“, espazos aos que as mulleres que exercían a prostitución podían acudir voluntariamente para recibir instrución e tratamento médico.

A película narra a súa chegada ao Goberno do socialista Largo Caballero en novembro de 1936, o seu labor á fronte do Ministerio de Sanidade e Asistencia Social, así como o seu exilio e xuízo en Francia unha vez rematada a Guerra Civil, cando foi reclamada polas autoridades franquistas para a súa condena. A obra de Laura Mañá non só percorre o fragmento máis relevante da súa vida, senón que presenta a súa figura como un exemplo da importancia de manter un compromiso firme na loita contra o fascismo e na defensa dos dereitos das clases populares.

O filme pode visualizarse de balde en https://www.3cat.cat/3cat/frederica-montseny-la-dona-que-parla/video/6086856/.

Fontes