Beiras, cando a esperanza está na loita
with Non hai comentarios

«Loito sen esperanza e, precisamente por iso, é seguro que xamais desertarei.» Quizais poucas frases definan tan ben a maneira de entender a política e a transformación social de Xosé Manuel Beiras.

Para Beiras, a esperanza non era unha espera. Era unha forza capaz de poñer en movemento ás persoas, de convertelas en suxeitos da súa propia historia e de abrir posibilidades alí onde parecía que só había resignación.

Hoxe queremos despedir unha das voces máis lúcidas e influentes do nacionalismo galego, un intelectual que fixo da defensa da soberanía, da xustiza social e da capacidade dos pobos para decidir sobre o seu propio futuro unha parte inseparable do seu pensamento e da súa práctica política.

Tivemos a sorte de compartir con el un espazo en Ágora-R, as xornadas de ECOAR. E sentimos que había, e segue habendo, unha afinidade profunda na maneira de entender a loita social: como un proceso colectivo, como a capacidade de organizármonos e de disputar as relacións de poder.

Porque a esperanza non consiste en agardar a que o poder ceda, senón en construír a forza social capaz de obrigalo a ceder.

E aí está, quizais, o sentido máis profundo daquela frase: non fai falta ter esperanza para loitar. Ás veces, é a propia loita a que crea a esperanza. Non a esperanza de que todo vaia saír ben, senón a certeza de que aquilo que existe non é o único posible. A loita é a vida defendéndose a si mesma, negándose a aceptar como inevitable aquilo que a oprime e abrindo, na acción colectiva, a posibilidade de que o futuro sexa diferente.

Esa era tamén a esperanza de Beiras: unha esperanza que non mira desde fóra, que non agarda solucións, que se organiza. Unha esperanza que entende que a historia non está escrita de antemán e que aquilo que hoxe parece inevitable pode deixar de selo cando alguén decide intervir.

Por iso hoxe queremos despedilo non só desde a memoria, senón tamén desde o compromiso de continuar construíndo esa forza colectiva.

Grazas, Beiras, por compartir connosco esa esperanza.

Que a terra che sexa leve, compañeiro.
A loita continúa.