Piratería e merdificación: ferramentas para a resistencia dixital
with Non hai comentarios

 

A merdificación (“enshittification”) das plataformas de contido dixital deixou de ser unha sospeita para converterse nunha realidade tan evidente como insoportable. A reacción da cidadanía dixital é previsible: a piratería volve ser unha ferramenta racional de acceso á cultura e, sobre todo, de preservación do patrimonio dixital.

O fenómeno ten cifras. As visitas globais a sitios de piratería pasaron de 130.000 millóns en 2020 a máis de 216.000 millóns en 2024 (MUSO), un incremento do 66 %. En 2025 rexistrouse un descenso ata os 185.600 millóns, pero a tendencia de fondo consolidouse en 2026. Netflix, Disney+ e Prime Video aplicaron subidas de prezo sostidas que, sumadas, encarecen o ocio dixital entre 5 e 10 euros mensuais por fogar, mentres consolidan tarifas con publicidade e perseguen o uso compartido de contas. A fragmentación do catálogo (que obriga a pagar catro ou máis plataformas para acceder ao contido) e a desaparición de títulos das bibliotecas rompen a ilusión dun repositorio dixital estable. O resultado: unha fatiga de subscrición que empuxa de novo cara ao protocolo “BitTorrent”.

No mundo dos videoxogos, a batalla do “DRM” librouse cunha ironía cruel. Denuvo, o sistema antipiratería máis empregado desde 2014, considerábase practicamente inquebrantable. En abril de 2026, o fío de Reddit que seguía os xogos protexidos sen “crackear” chegou a cero: todos os títulos para un xogador con Denuvo tiñan xa unha versión pirata funcional. O colectivo “MKDev”, xunto co desenvolvedor “DenuvOwO”, lanzou un programa que engana a Denuvo facéndolle crer que se comunica cun sistema autorizado, mentres o cracker “voices38” elimina o sistema por completo. A resposta de Denuvo e 2K Games foi introducir verificacións en liña obrigatorias cada 14 días, un “billete dixital” que expira e impide arrincar o xogo sen conexión. Quen comprou legalmente un xogo por 70 euros atópase con que non pode xogar nun tren, mentres quen piratea goza dunha versión sen restricións. A lóxica do “DRM” agresivo castiga sempre a quen paga.

Para quen queira transitar outro camiño, existen ferramentas específicas. No eido dos “torrents”, qBittorrent é o cliente libre por excelencia, compatible con Windows, macOS, Linux e mesmo versións portátiles que non requiren instalación. Cómpre advertir que a súa descarga é legal, pero o intercambio de material protexido por dereitos de autor pode derivar en sancións en Alemaña, onde unha soa película pode xerar multas de entre 700 e 1.000 euros (aínda que a limitación solvéntase cunha VPN). Só necesitamos atopar un sitio de torrents lexítimos, facer clic na ligazón “magnet” e o contido estará dispoñible en poucos minutos.

Como alternativa para redes “P2P” máis antigas, existen eMule (Windows) e aMule (Linux), que manteñen viva a filosofía de compartir ficheiros sen depender de servidores centralizados. Recentemente este programa actualizouse ofrecendo ata 380 veces máis velocidade de descarga en probas de laboratorio.

No ámbito do vídeo en liña, NewPipe é un cliente lixeiro e de código aberto para Android que se distribúe a través de F-Droid e que permite reproducir vídeos de YouTube sen anuncios, con reprodución en segundo plano e sen necesidade de conta de Google. Non usa a API oficial da plataforma, senón que extrae a información directamente da web, o que o converte nunha alternativa robusta e respectuosa coa privacidade. Para quen prefira o navegador de escritorio, uBlock Origin segue sendo a ferramenta de referencia para bloquear anuncios en YouTube, aínda que o seu funcionamento completo está practicamente restrinxido a Firefox, dado que Chrome e Edge abandonaron o soporte para a arquitectura “Manifest V2”.

Quenes teñan coñecementos máis avanzados poden combinar Stremio cun complemento como Torrentio, que actúa como agregador de enlaces procedentes de múltiples provedores. Esta configuración permite centralizar a reprodución de contido baixo demanda nunha soa aplicación. Para aplicacións de Android en xeral, UpToDown ofrece unha tenda alternativa que permite descargar APKs sen depender de Google Play nin de rexións restrinxidas e de maneira gratuita para moitas aplicacións de pagamento.

No mundo do “gaming” xurdiron figuras que a comunidade considera xa lendarias, os “repackers”, como “FitGirl”, “DODI” e “ElAmigos”, que ocupan un lugar central na preservación e distribución de videoxogos. Estes colectivos non se encargan de “crackear” xogos: comprímenos intensamente para reducir o tamaño de descarga e, en moitos casos, ofrecen versións que funcionan mellor que as orixinais, xa que eliminan as comprobacións de “DRM” que degradan o rendemento. A súa existencia demostra que a comunidade non só busca acceso gratuíto, senón control sobre a propia experiencia técnica. Cómpre lembrar que existen sitios falsos con extensións .org, .co ou .com que poden conter “malware”: as fontes fiables son https://fitgirl-repacks.site, https://dodi-repacks.site e https://elamigos.site.

A cultura libre ten unha data sinalada. Cada 12 de outubro celébrase o Día Internacional contra o “DRM”, instaurado en 2013 pola “Free Software Foundation” para concienciar sobre as tecnoloxías que limitan o acceso lexítimo aos contidos. A preservación dixital é un argumento de peso: plataformas como GOG defenden que, se se descarga o instalador e se garda nun disco, o xogo é para sempre de quen o merca. Cando Netflix retira unha serie ou cando Denuvo apaga os seus servidores, a piratería convértese no último arquivo da cultura dixital.

Aprender a piratear contidos é unha resposta racional a un sistema que traizoou a súa promesa. As ferramentas existen, son accesibles e, en moitos casos, ofrecen unha experiencia superior á das plataformas legais.

Fontes