Midterms en EEUU. Trump xógase o Congreso nunhas eleccións que marcarán o futuro global
with Non hai comentarios

A horas do inicio das eleccións de medio mandato do 3 de novembro, a sociedade estadounidense atravesa un momento de máxima tensión. O presidente Donald Trump, que regresou á Casa Branca despois de gañar as eleccións en 2024 coa promesa dunha nova etapa de prosperidade e bonanza para Estados Unidos, enfróntase agora a un escenario no que os seus índices de aprobación se afunden e o seu propio partido comeza a amosar fisuras. O que estaba chamado a ser un referendo sobre a xestión presidencial pode pasar a ser un grave problema para o magnate pois pode perder o control dun Congreso que lle permitiu gobernar con ampla liberdade durante os dous últimos anos.

A situación da Cámara de Representantes preséntase especialmente complicada para os republicanos. Con 219 escanos fronte aos 214 dos demócratas e dúas vacantes, a maioría conservadora é a máis axustada posible. A media nacional de intención de voto para o Congreso sitúa aos demócratas cunha vantaxe que oscila entre os 6 e os 10 puntos en outubro. O dato máis revelador é a aprobación presidencial: un 32% segundo CNN/SSRS, o nivel máis baixo dos seus dous mandatos, cunha desaprobación que alcanza o 68% na xestión económica. A polarización emocional e a consideración das eleccións dende un punto de vista nacional (e non dende o punto de vista local, do/a seu/súa gobernador/a) converten estas eleccións nun plebiscito indirecto sobre Trump e, polo tanto, nunha anticipación da carreira presidencial que se disputará en 2028.

O Senado ofrece un panorama máis incerto pero igualmente ameazante para o trumpismo. Os republicanos manteñen unha maioría de 53 escanos fronte aos 47 demócratas, e este ano renóvanse 35 postos. Os demócratas necesitan gañar catro escanos netos para acadar os 51 que lles garantirían o control, xa que un empate a 50 outorgaría o voto de calidade ao vicepresidente JD Vance. Os estados clave concéntranse en Míchigan, Maine, Ohio, Iowa, Kansas, Alasca e Texas, con especial atención ás candidaturas de Abdul El-Sayed en Míchigan e James Talarico en Texas, que poderían facer historia nun partido demócrata que busca un relevo xeracional.

A campaña das eleccións intermedias caracterizouse por un contexto de crecente tensión internacional. O pasado 21 de outubro Trump declarou que en Irán “dunha forma ou outra, vai pasar algo moi pronto”. O exército estadounidense leva meses preparándose para poder lanzar unha operación a grande escala con obxectivos que inclúen infraestruturas enerxéticas, bases militares e instalacións nucleares. A guerra, iniciada en febreiro deste 2026, acabou por converterse nun lastre económico (e anímico) para o goberno estadounidense pois os/as votantes perciben directamente os seus efectos no custo da vida. Ademais Trump e Rubio puxeron tamén sobre a mesa a posibilidade de realizar unha acción militar contra Cuba, pois precisan obter unha vitoria despois do fracaso no golfo pérsico e a mala situación financiera do país que lles permita recuperar un pouco a súa danada popularidade.

O desgaste tamén se reflicte na relación de Trump coa súa propia base. A aprobación entre os republicanos caeu do 88% ao 74% en tan só un ano, e só o 44% dos simpatizantes conservadores aproba a súa xestión do custo de vida. Mentres tanto, o presidente intensificou un discurso centrado na inmigración e na identidade que, xunto coa súa promesa dun “dividendo” de 5.000 dólares condicionado a unha vitoria republicana (unha proposta que carece de base legal sen aprobación do Congreso e foi criticada mesmo por lexisladores do seu partido), configuran un clima de polarización que os e as analistas consideran determinante para a mobilización de ambos os electorados.

O resultado que se dea mañá, 3 de novembro, definirá non só o equilibrio de poder en Washington senón que tamén orientará o taboleiro da xeopolítica global. Ademais a decisión das urnas tamén servirá para limitar ou manter a capacidade de Trump para lexislar durante os dous anos que lle restan de mandato. A recuperación da Cámara por parte do Partido Demócrata, posibilitará bloquear a axenda presidencial, impulsar investigacións parlamentarias e condicionar o orzamento federal. Se ademais os e as demócratas conquistasen o Senado, o presidente verase obrigado a gobernar mediante decretos, así como tamén deberá enfrontar unha oposición institucional moito máis agresiva e limitante. A incógnita que sobrevoa a cita electoral é se o descontento económico que as enquisas reflicten se traducirá nunha vaga demócrata con suficiente forza para poder cambiar o rumbo político do país.


Fontes

Diario Público (2026). Cuándo son las elecciones de Estados Unidos 2026: fecha de las ‘midterms’ y qué se vota. https://www.publico.es/internacional/eeuu/son-elecciones-estados-unidos-2026-fecha-midterms-vota.html

RaiNews (2026). Midterm 2026: democratici avanti a 8 giorni dal voto, vantaggio più netto alla Camera che al Senato. https://www.rainews.it/maratona/2026/10/midterm-usa-2026-democratici-repubblicani-risultati-voto-donald-trump-c28c044e-836e-49ee-987a-240d4ed4be95.html

The Hill (2026). Democrats hold 10-point advantage ahead of midterms: Survey. https://thehill.com/homenews/campaign/6162170-democrats-hold-poll-advantage-midterms/

KBS News (2026). “트럼프 지지율 32%, CNN 조사 최저치…중간선거 민주당 지지 49%”. https://newsws.kbs.co.kr/news/pc/view/view.do?ncd=8692168

Yonhap News (2026). “美중간선거 민주당 후보 지지 49%…공화당에 10%p 앞서”. https://www.yna.co.kr/view/AKR20261022012500071

Rti 中央廣播電臺 (2026). CNN:美軍備妥大規模攻伊朗計畫 川普可能期中選舉後下令. https://www.rti.org.tw/news?uid=3&pid=239883

John Zogby Strategies (2026). Democratic Party Leads Republican Party 48% to 42% in Congressional Generic Ballot as Race Heats Up. https://johnzogbystrategies.com/democratic-party-leads-republican-party-48-to-42-in-congressional-generic-ballot-as-race-heats-up/

La Opinión (2026). Demócratas se acercan al control del Congreso con el 77% de probabilidad de ganar la Cámara Baja. https://laopinion.com/2026/10/15/democratas-se-acercan-al-control-del-congreso-con-el-77-de-probabilidad-de-ganar-la-camara-baja/

Descifrando la Guerra (2026). ¿Han muerto las midterms en Estados Unidos? https://www.descifrandolaguerra.es/han-muerto-midterms-estados-unidos/

Diario Público (2026). Las batallas electorales decisivas que podrían dejar a Trump sin el control del Congreso. https://www.publico.es/internacional/eeuu/batallas-electorales-decisivas-podrian-dejar-trump-control-congreso.html

The Hill (2026). Trump pledges $5K checks if Republicans do well in the midterms. Can he legally do that? https://thehill.com/homenews/administration/6085556-trump-midterm-dividend-legal-questions/

elDiario.es (2026). Trump usa las protestas en Francia azuzar el racismo: “Tienen que ver con la migración, París será pronto una ciudad musulmana”. https://www.eldiario.es/internacional/trump-protestas-francia-azuzar-racismo-ver-migracion-paris-sera-pronto-ciudad-musulmana_1_13598639.html