Entre 1870 e 1914, as potencias industriais europeas multiplicaron as súas posesións coloniais nun contexto de crise económica e competencia crecente. Detrás da retórica civilizadora, tres factores materiais explican este proceso: a procura de materias primas baratas, a necesidade de mercados para unha produción que excedía o consumo interno e a presión por colocar capital en economías periféricas con maiores rendementos.
A expansión imperialista moderna non foi un fenómeno espontáneo nin exclusivamente político. O economista británico J. A. Hobson publicou en 1902 Imperialism: A Study, a primeira análise sistemática das raíces económicas do fenómeno. Hobson sostiña que a desigualdade extrema dentro das sociedades industriais xeraba un excedente de aforro que non atopaba saída rentable no interior. A consecuencia era unha presión constante para investir no exterior, mesmo alí onde era necesario impor a forza para garantir o retorno dos investimentos. Poucos anos despois, Lenin radicalizou esta tese en O imperialismo, fase superior do capitalismo (1916), definindo a exportación de capital como o trazo distintivo da nova etapa do capitalismo.
Un dos factores máis sobranceiros é a necesidade de materias primas. A industria europea en expansión requiría fluxos crecentes de minerais, produtos enerxéticos e materias agrícolas que o continente non podía subministrar por si mesmo. A conferencia de Berlín (1884-1885) formalizou o reparto de África precisamente cando a competencia por recursos como o ouro e os diamantes do sur do continente se intensificaba. En 1878, as entidades políticas independentes ocupaban dous terzos do globo; en 1913, esa cifra reducira ao 54%. En África, o cambio foi aínda máis drástico: da metade do territorio independente antes de 1884 pasouse a apenas o 4% en 1913.
O segundo factor é a busca de novos mercados. As declaracións dos propios protagonistas son elocuentes. Cecil Rhodes afirmou en 1895 que, para evitar unha guerra civil no Reino Unido, os estadistas coloniais debían “atopar novas terras a partir das cales poidamos obter facilmente materias primas e, ao mesmo tempo, explotar a man de obra barata que supoñen os nativos das colonias. As colonias tamén proporcionarían unha saída para os bens excedentes producidos nas nosas fábricas”. Esta lóxica conectaba directamente a expansión exterior coa estabilidade social interna, convertendo o imperio nunha válvula de escape para as tensións de clase.
O terceiro factor, a exportación de capital, acadou proporcións sen precedentes. A fracción de activos no estranxeiro respecto do PIB británico triplicouse no período previo á Primeira Guerra Mundial. Os capitalistas europeos investían preferentemente en bonos de países periféricos, onde os rendementos eran máis altos, e presionaban aos seus gobernos para que garantisen o cobro desas débedas mediante a ameaza militar ou a conquista directa.
Estes tres vectores non operaron de forma illada. A expansión territorial serviu simultaneamente para asegurar fontes de subministración, abrir canles comerciais e protexer investimentos. Con todo, a historiografía posterior matizou a primacía do económico, sinalando que as colonias raramente foron mercados significativos para as manufacturas europeas (as poboacións eran demasiado pobres) e que a maior parte do capital investiuse en países independentes, non en colonias.
A descolonización política posterior a 1945 non supuxo o fin desta lóxica. A teoría da dependencia argumenta que a independencia formal deixou intactas as estruturas económicas herdadas: as antigas colonias seguiron especializadas na exportación de produtos primarios e na importación de manufacturas e capital, reproducindo unha vulnerabilidade estrutural.
Na actualidade, os instrumentos de dominación económica son máis difusos pero igualmente operativos. A investigación recente sinala tres eixos principais. Primeiro, o intercambio desigual: as economías periféricas seguen a fornecer recursos naturais e man de obra barata mentres absorben bens de maior valor engadido, un patrón que se mantivo sen cambios substanciais nas últimas décadas. Segundo, a débeda externa e o financiamento condicionado: os programas de axuste estrutural e os préstamos con condicións impuxeron reformas de liberalización que priorizaron o mercado sobre o benestar social e a autonomía nacional. Terceiro, a captura institucional: a través de normas comerciais, estándares regulatorios e condicionalidade financeira, as preferencias externas tradúcense en políticas domésticas sen necesidade de ocupación territorial.
Na actualidade fálase moito da “maldición dos recursos” pois continentes ricos en recursos minerais e enerxéticos, como África ou América Latina, continúan mantendo unha posición subordinada a unhas xerarquías globais que conservan unhas economías periféricas especializadas na extracción. A diferenza fundamental respecto de 1900 é que a coerción xa non require administración territorial. No neocolonialismo, o poder opera hoxe combinando a hexemonía ideolóxica e o afogamento material. A soberanía formal consérvase, pero a autonomía política real queda restrinxida.
Fontes
-
Internet Archive (1902). Imperialism: A Study. J. A. Hobson. https://archive.org/details/hobson_j_a_1850_1940_imperialism
-
Foro Económico Mundial (2018). Los orígenes económicos del imperialismo. https://es.weforum.org/stories/all/los-origenes-economicos-del-imperialismo/
-
From Marx to Mao (1916). El imperialismo, fase superior del capitalismo. V. I. Lenin. http://www.marx2mao.com/M2M(SP)/Lenin(SP)/IMP16s.html
-
Internet Archive (sen data). The Mirror of the Past (extracto con declaracións de Cecil Rhodes). https://www.archive.org/download/dli.ernet.237879/237879-The Mirror Of The Past_text.pdf
-
Repositorio UNLPam (sen data). Historia económica y social (material didáctico sobre imperialismo). https://repo.unlpam.edu.ar/bitstream/handle/unlpam/119/lb-alohis013.pdf
-
EconPapers (2025). The Economics of Slavery, Colonization, and Neo-Colonization: A Critique of Global North–South Relations. https://econpapers.repec.org/article/bcpjournl/v_3a9_3ay_3a2025_3aissue-9_3ap_3a5138-5163.htm
-
Zenodo (2026). 21st-Century Neo-Colonialism: A Political Economy Analysis of Ideological Hegemony, Institutional Capture, and Economic Coercion in the Global South. https://zenodo.org/records/18678874
-
Taylor & Francis (2026). National independence against imperialism. https://www.taylorfrancis.com/chapters/mono/10.4324/9781003608332-9/national-independence-imperialism-john-milios
-
Brill (2026). Extracted and Exploited: the Myth of Aid in a Wealthy but Pillaged Africa. https://brill.com/display/book/9789004760967/BP000013.xml
-
ScienceDirect (2026). Open veins: Drain from Latin America through ecologically unequal exchange. https://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0921800926001400
-
CASS (2025). Global Structure of Dependency and Socio-ecological Crisis. http://marxism.cass.cn/en/ScholarsProfiles/202509/t20250925_5917091.shtml
-
Cambridge University Press (2026). Conclusion – Imperialism and the development myth. https://www.cambridge.org/core/books/abs/imperialism-and-the-development-myth/conclusion/87C27E6E368CFB2421E5E41FDDAA500C