QUE ESTÁ A PASAR NAS FRONTEIRAS?
QUE?
Recollida de sinaturas a prol de eliminar zonas do mundo nas que os muros fronteirizos impiden a libre circulación das persoas.
QUEN?
Cea(r) (Comisión Española de Ayuda al Refugiado). É unha organización que traballa para que lles sexan recoñecidos e respectados os dereitos ás persoas migrantes, refuxiadas e apátridas. Realiza tamén estudos e informes para que a sociedade e as institucións coñezan a situación desas persoas. Ademais, ofrécenlles refuxio e atención psicolóxica e xurídica para que poidan integrarse social e laboralmente en España.
COMO?
Esta recollida de sinaturas trata de chegar ás institucións para que supriman os muros físicos que causan a morte a miles de persoas migrantes no mundo cada ano.
ONDE?
En todo o mundo. É un problema global. Hai no planeta máis de 70 muros fronteirizos que teñen por finalidade impedir o paso a persoas migrantes. É especialmente preocupante a situación en México/EE.UU., España, Italia e Grecia.
CANDO?
Campaña activa actualmente sen data límite neste momento.
CANTO?
Toda sinatura é pouca. Calquera persoa individual pode asinar para tratar de parar a problemática das fronteiras.
POR QUE?
Os arames e os muros crean zonas do planeta, “non lugares”, nos que os dereitos das persoas máis vulnerables son sistematicamente violados. Moitas das veces estas persoas atravesan fronteiras de “non dereitos”, onde a violencia e a impunidade están por diante da súa dignidade, dos seus dereitos e da súa vida. Só no ano 2017 morreron no mundo máis de 5.000 persoas en rutas migratorias, 3.000 das cales foron no Mediterráneo, a ruta máis letal.