El futuro sobre plano: o cántico de Biznaga contra a especulación inmobiliaria
with Non hai comentarios

El futuro sobre plano (2004), da banda madrileña de punk rock Biznaga, é unha expresión de rabia fronte á grave crise inmobiliaria no Estado Español e un canto á mobilización social. A letra recolle a situación actual da vivenda no país: especulación financeira por fondos voitre, falta de vivenda social, xentrificación, turismo de masas, desafiuzamentos… pero tamén chama á disputa da cidade e a recuperar o dereito de habitala con dignidade.

O videoclip combina imaxes de manifestacións e accións directas pola vivenda con planos de activistas amosando o seu desafío, nun homenaxe a todas as persoas que loitan día a día polo dereito á vivenda no Estado Español. A banda agradece a distintos sindicatos de inquilinas e de vivenda, como os de Madrid, Barcelona e Málaga, a cesión das imaxes e o seu percorrido na loita social.

Biznaga formouse en 2012 por Álvaro García e Jorge Navarro, aos que se uniron máis adiante Jorge “Milky” Ballarín e Álvaro “Torete” Casado. A canción El futuro sobre plano é unha das que compoñen ¡AHORA!, o seu quinto álbum de estudo, que é unha crítica feroz ao capitalismo, trata temas como a vivenda, a resistencia e a saúde mental e engloba cancións definidas pola banda como “declaracións de amor en tempos de guerra”.

Nas súas entrevistas, Biznaga amósase igual de reivindicativa que o que se ve nas súas letras, e chaman á disputa do presente para poder ter un futuro:

Non hai que pensar no futuro, hai que repensar, reclamar e disputar o presente xa. Hai que facelo agora. As cancións non cambian a Historia, pero poden poñerlle unha fermosa banda sonora aos cambios.