O fascismo. Un matón fillo do capitalismo (I). Orixe do concepto.
with Non hai comentarios

O termo “fascismo” provén do latín “fasces”, que designaba na antiga Roma un feixe de varas atado ao redor dunha machada. Este símbolo representaba a autoridade e o poder dos maxistrados para castigar a cidadanía, así como a forza que nace da unidade: unha vara rómpese con facilidade, pero un feixe de varas resulta inquebrantábel. O italiano “fascio” (feixe) deu nome aos “Fasci di Combattimento” que Benito Mussolini fundou en Milán o 23 de marzo de 1919, recuperando deliberadamente ese símbolo de poder e cohesión.

O fascismo como fenómeno político nace no contexto de crise posterior á Primeira Guerra Mundial. Italia, a pesar de saír vitoriosa, enfrontaba unha parálise económica, un alto desemprego e a frustración polo que os nacionalistas chamaron “vitoria mutilada” (o incumprimento das promesas territoriais aliadas). O medo da burguesía a unha revolución comunista como a rusa, sumado ao descrédito do Estado liberal, creou o terreo propicio para que Mussolini, un antigo socialista convertido ao ultranacionalismo, prometese orde e renacemento nacional. O movemento medrou grazas á violencia das súas “squadre d’azione” (escuadras de acción). Estes grupos, tamén chamados “camisas negras” pola súa indumentaria, estaban formados por militantes fascistas que empregaban a violencia para intimidar, atacar e eliminar opositores políticos, especialmente socialistas, comunistas e sindicalistas. Se ben os seus inicios atópanse nas chairas do Po, financiadas polos grandes propietarios agrícolas para esmagar as folgas campesiñas, será coa Marcha sobre Roma en 1922 cando os escuadristas acadarán a súa sona a nivel estatal e internacional.

Con todo, as raíces ideolóxicas do fascismo son anteriores ao século XX. A este conxunto de ideas previas denomínaselle protofascismo. Ao longo do século XIX, diversos pensadores foron construíndo os alicerces sobre os que despois se erguería Mussolini. Entre eles destacan Joseph de Maistre (que reivindicaba a xerarquía divina e ao verdugo como protector da orde social), Charles Maurras (nacionalismo autoritario) e Houston Stewart Chamberlain (racismo ario).

Tamén Georges Sorel (reivindicación da violencia como forza rexeneradora) e Friedrich Nietzsche (crítica á moral cristiá e exaltación da vontade de poder) foron referentes para a estética fascista. En Alemaña, figuras como Paul de Lagarde e Julius Langbehn eran, segundo o historiador John Weiss, “indistinguíbeis dos ideólogos nazis” ao predicar o darwinismo racial e a eliminación das persoas consideradas inferiores. En Italia, o poeta Gabriele D’Annunzio encarnou o protofascismo coa súa ocupación da cidade de Fiume en 1919, establecendo un goberno de estilo teatral, con rituais, uniformes e discursos incendiarios que Mussolini acabaría incorporando fielmente.