Conceptos Clave. A barricada.
with Non hai comentarios

As barricadas foron e son un elemento recorrente nos conflitos urbanos. É importante coñecer a súa orixe e o seu desenvolvemento para comprender a súa función histórica e actual.

A barricada naceu en París no ano 1588 durante a Xornada das Barricadas, un episodio da oitava guerra de relixión en Francia. Os parisienses empregaron barricas (bocois) cheas de terra e pedras para bloquear as rúas e defendérense das tropas do rei Henrique III. Este sistema construtivo deu nome ao obxecto e marcou o seu primeiro uso documentado como fortaleza urbana improvisada.

Durante o século XIX as barricadas convertéronse nun símbolo da loita obreira e social. Na Revolución de 1830 e na Comuna de París (1871) as persoas insurrectas perfeccionaron as técnicas: levantábanse estruturas con adoquíns arrincados do chan, mobles, sacos de area e ata árbores cortadas.

No século XX a barricada adquiriu un novo repertorio de formas de bloqueo moito máis móbiles. No Maio do 68 en París impúxose o uso de coches atravesados e incendiados, unha estratexia máis móbil e rápida que a construción con pedras. Na década dos 70 aparecerán as barricadas de pneumáticos en Euskal Herria e no campo francés, que se consolidarán no anos 80 e 90. O movemento antiglobalización e as protestas portuarias e industriais dos anos 90 os contendores aparecerán como instrumento de configuración das barricadas. Nos conflitos agrarios europeos máis recentes (Francia ou Alemaña, 2024) as barricadas están formadas por centos de tractores que paralizan estradas e autoestradas.

Por outra banda as barricadas segundo o seu uso e función clasifícanse en catro tipos. As defensivas protexen un espazo ou grupo ante as forzas de seguridade (primeiro uso documentado remóntase ao 12 de maio de 1588 en París, durante a Xornada das Barricadas). As de choque serven como punto de partida para accións directas contra a policía (consolidáronse nas revolucións de 1830 e 1848 en París, así como na Comuna de París de 1871). As de bloqueo impiden o paso de persoas ou vehículos, como os tractores nos conflitos agrarios europeos de 2024 (aparecen no XIX pero popularízanse nos movementos obreiros e nas folgas xerais de finais do século XIX e principios do XX). As simbólicas teñen unha función expresiva e política, con pancartas ou pintadas, máis aló da eficacia física (orixínanse no Maio do 68 en París).