with Non hai comentarios

O nacemento, desenvolvemento e espallamento das grandes corporacións, que levan no seu ADN o desprezo polos dereitos humanos e polo medio ambiente, constitúe o motor que move o consumo actual. A curtametraxe ensaio/documental ‘Ilha das Flores’ (1989), dirixida polo cineasta brasileiro Jorge Furtado, materializa esta crítica a través do percorrido dun simple tomate ata un vertedoiro en Porto Alegre. En 13 minutos, a obra converte a cadea de produción, distribución e consumo nunha metáfora descarnada do capitalismo e das desigualdades sociais que xera.

Así, a película emprega unha linguaxe case científica e un narrador en off que explica con ironía e monotonía o funcionamento de, entre outras, a economía actual.

Todo comeza na horta do señor Suzuki, onde o tomate medra e se recolle para ser vendido a un supermercado. É alí onde dona Anete adquire algúns tomates xunto con carne de porco. Pero considera inadecuado para o prato a un dos tomates e este remata no lixo, xunto co resto dos refugallos da cociña.

Ese lixo viaxa ata a ‘Ilha das Flores’, un vertedoiro real situado en Porto Alegre. No vertedoiro seleccionan os restos orgánicos que aínda serven para alimentar os porcos; o que consideran que non é apto para os porcos, ofrécenllo a mulleres e nenas.

A voz en off define ao ser humano como un organismo con cerebro altamente desenvolvido e polgar opoñible, mais conclúe que, dentro do sistema, quen carece de cartos queda excluído de toda preferencia, situándose en inferioridade a outros animais.

A produción foi galardoada con múltiples premios, e foi escollida coma unha das cen curtas máis importantes do século.

O contexto histórico no que xorde o filme non é casual. O Brasil vivía en 1989 os primeiros pasos da redemocratización tras a ditadura militar (1964‑1985), cunha Constitución recente (1988) e unhas primeiras eleccións presidenciais directas que se celebrarían ese mesmo ano. A hiperinflación dificultaba o acceso a bens de primeira necesidade e a desigualdade social acadaba extremos. Furtado rodou o filme en 1988, cando Porto Alegre comezaba a implantar a recollida selectiva de lixo, e ese novo interese pola xestión dos residuos levouno a descubrir a situación dos habitantes do vertedoiro.

O propio realizador recoñeceu que o guión está inspirado nas súas lecturas de Kurt Vonnegut (‘Breakfast of Champions’) e no cinema de Alain Resnais (‘Mon Oncle d’Amérique’), dos que toma a retranca, o distanciamento narrativo e a reflexión sobre a condición humana.

De xeito irónico pero devastador, a curtametraxe convida a reflexionar sobre a condición humana, o ciclo económico e cadeas de subministro e a desigualdade estrutural e incluso o especismo. A resposta, amarga e contundente, convértese nunha lección ética que aínda resoa con toda a súa vixencia.

Link: https://www.youtube.com/watch?v=3W-0S9xkJgo&list=PLv6v7MRnxHNMDXqZd2niNVeXuSdkfMPKr&index=4