Sen dúbida a lei europea coñecida como Chat Control que se quere impoñer na UE supón unha vulneración moi grave do dereito á privacidade, entre outros. É sobre todo perigosa polo que supón, polas intencións e porque senta un precedente xurídico que vai en contra da mesma democracia liberal que profesan as institucións europeas, convertendo a UE nunha democracia autoritaria; con Chat Control o voto deixaría de ser anónimo e secreto de facto, por exemplo.
Mais a lei é só unha maneira de forzar ás empresas que ofrecen servizos de mensaxería a gardar as mensaxes sen cifrar para que as autoridades poidan facer con elas o que queiran. Cousas que probablemente xa fan en segredo, co que terían agora o marco legal ao seu favor. A nivel técnico o que piden ten dúas limitacións:
-
Se o servizo non o ofrece unha empresa, senón que é autoxestionado ou de Software Libre, non parece que se poida impoñer a obriga de cumprir a lei.
-
As matemáticas.
Imos comezar pola segunda limitación. Aínda que as corporacións e os estados poidan ver as nosas mensaxes, calquera método de criptografía clásica xa podería impedir que poidan ler a nosa información sen máis: Abonda con establecer un código compartido entre o emisor e o receptor para substituir as letras ou as palabras por calquera cousa. En resumo: podemos saltarnos o Chat Control utilizando o Kama Sutra ou a Máquina Enigma por exemplo.
Aínda así, se as autoridades están investigando a unha persoa concreta, as técnicas clásicas obsoletas non son suficientes. Xa que utilizarán un contraalgoritmo para recuperar as mensaxes. Temos que recurrir á universalidade das matemáticas que está por encima de calquera lei humana.
A criptografía asimétrica é unha técnica coñecida e popular, normalmente baseada en algoritmos que traballan con números primos. Hoxe en día sábese que a única maneira de romper este método de cifrado é a través da computación cuántica, que no seu estado actual aínda non pode chegar a facelo, e que chega tarde, porque xa hai algoritmos que nin así poderían romperse. Utilizar estes algoritmos é sinxelo e está ao alcance de calquera.
Aplicacións de Android como OpenKeychain permiten cifrar e descifrar mensaxes que se poden enviar por medios inseguros, o único que vai ver o intermediario é un texto aleatorio sen sentido. O cifrado clásico de E-mail con PGP, que xa vén integrado en Thunderbird ou que podemos utilizar en calquera servizo online con Mailvelope é igual de seguro, e Chat Control non pode impoñer, irónicamente, ningún control sobre a súa utilización. Aínda que se prohibíse todo o software de cifrado actual, calquera IA mediocre ou estudante de matemáticas pode crear un novo en pouco tempo.
E así chegamos á primeira limitación desta lexislación. Non se regula o uso do software que calquera pode facer na súa casa e compartir libremente de maneira non comercial. As aplicacións con cifrado poden perdurar igual que WikiLeaks ou The Pirate Bay. Os algoritmos xa están inventados e documentados. E protocolos libres como XMPP, Matrix ou Meshtastic permiten comunicación segura, federada, descentralizada e de libre uso. De tal maneira que ningún réxime autoritario pode bloquealos directamente.
Isto lévanos a sospechar que Chat Control é só unha fórmula para lexitimar o que probablemente empresas como Meta ou Apple xa fan ás agachadas: gardar as nosas mensaxes sen cifrar e ofrecelas ás autoridades, ou gardar as claves para descifrar o contido a petición súa. Pero sempre que se cumpra unha condición: que xs usuarixs utilicen estes servizos como fan ata agora, ignorando que cada ún dos seus movementos están a ser xa controlados.
A pesar de todo, non é recomendable baixar a garda: debemos esixir os nosos dereitos e impedir que Chat Control sexa unha realidade xa que non é o único perigo. Os metadatos das nosas comunicacións xa están comprometidos sen esa lei, o recoñecemento facial está cada día máis asentado, a policía presiona cada vez máis para obter o noso ADN nas comisarías…