I
Certamente, vivo en tempos sombríos.
A palabra inxenua é insensata. Unha fronte lisa
revela insensibilidade. Aquel que ri
é que non oíu aínda a noticia terrible,
aínda non lla achegaron.
Que tempos estes nos que
falar de árbores é case un crime
porque supón calar sobre tantas aldraxes!
Aquel home que vai tranquilamente pola rúa,
atoparano os seus amigos
cando o necesiten?
É certo que aínda gaño a vida.
Mais, crédeme, é pura casualidade. Nada
do que fago me dá dereito a fartarme.
Por casualidade librei. (Se a miña sorte acabase, estaría perdido).
Díxenme: «Come e bebe! Goza do que tes!»
Pero como podo comer e beber
se ao famento lle quito o que como
e o meu vaso de auga faille falla ao sedento?
E, con todo, como e bebo.
Gustaríame ser sabio tamén.
Os vellos libros explican a sabedoría:
apartarse das loitas do mundo e transcorrer
sen inquedanzas o noso breve tempo.
Librarse da violencia,
dar ben por mal,
non satisfacer os desexos e mesmo
esquecelos: tal é a sabedoría.
Pero eu non podo facer nada disto:
verdadeiramente, vivo en tempos sombríos.
II
Cheguei ás cidades en tempos de desorde,
cando a fame reinaba.
Mestureime entre os homes en tempos de rebeldía
e rebelei comigo.
Así pasei o tempo
que me foi concedido na terra.
O meu pan comino entre batalla e batalla.
Entre os asasinos durmín.
Fixen o amor sen lle prestar atención
e contemplei a natureza con impaciencia.
Así pasei o tempo
que me foi concedido na terra.
Nos meus tempos, as rúas desembocaban en pantanos.
A palabra traizoábame ante o verdugo.
Pouco podía eu. E os poderosos
sentíanse máis tranquilos, sen min. Sabíao.
Así pasei o tempo
que me foi concedido na terra.
Escasas eran as forzas. A meta
estaba moi lonxe aínda.
Xa se podía ver claramente, aínda que para min
fose case inalcanzable.
Así pasei o tempo
que me foi concedido na terra.
III
Vós, que xordedes do marasmo
no que nós afundimos,
cando faledes das nosas feblezas,
pensade tamén nos tempos sombríos
dos que vós escapástedes.
Cambiabamos de país como de zapatos
a través das guerras de clases, e desesperabámonos
onde só había inxustiza e ninguén se alzaba contra ela.
E, con todo, sabiamos
que tamén o odio contra a baixeza
desfigura a cara.
Tamén a ira contra a inxustiza
pon rouca a voz. Desgraciadamente, nós,
que queriamos preparar o camiño para a amabilidade
non puidemos ser amables.
Pero vós, cando cheguen os tempos
nos que o home sexa amigo do home,
pensade en nós
con indulxencia.