En outubro de 2020, en plena convulsión social e política, estreouse “O xuízo dos 7 de Chicago”, un filme que rapidamente destacou para a crítica e que contou con seis nominacións aos premios Óscar, incluída a mellor película. O realizador Aaron Sorkin, recolleu o testemuño dun proxecto que Steven Spielberg concibira máis dunha década antes e construíu unha alegoría trepidante sobre a xustiza e a disidencia nunha América dividida.
A película, con Sacha Baron Cohen, Eddie Redmayne, Yahya Abdul-Mateen II, Mark Rylance e Frank Langella sitúase no centro do proceso xudicial que tivo lugar en Chicago no outono de 1969 contra sete activistas anti-Vietnam, acusadxs pola administración Nixon de conspirar para cruzar fronteiras estatais coa intención de incitar disturbios durante a Convención Nacional Demócrata de 1968 en Chicago. O filme de Sorkin non se limita a narrar os feitos dun caso que transcendeu amplamente o ámbito legal para se converter nun espello das ferintes divisións que atravesaban o país. A película artella unha obra moral que expón as tensións entre o activismo e a represión estatal, centrándose na parcialidade do xuíz Julius Hoffman e no absurdo dun proceso xudicial instigado pola nova administración de Richard Nixon baixo a súa promesa de “lei e orde”, que estivo marcado dende o inicio por unha clara motivación política que transformou a sala nun escenario de confrontación. A maxistraturama do xuíz Julius Hoffman, un home de 74 anos simbolizaba o “establishment”, mentres que os acusados (David Dellinger, Rennie Davis, Tom Hayden, Abbie Hoffman, Jerry Rubin, John Froines, Lee Weiner e, orixinariamente, Bobby Seale) representaban os novos movementos que pretendían enfrontarse ao statu quo.
O 18 de febreiro de 1970, o xurado absolveu a todos os acusados do cargo de conspiración, pero declarou culpables a cinco deles de cruzar fronteiras estatais coa intención de incitar disturbios; Froines e Weiner foron absoltos de todos os cargos. O xuíz Hoffman condenou os cinco a cinco anos de prisión e a unha multa de 5.000 dólares, ademais de sentenciar por desacato aos acusados e aos seus avogados. Con todo, en 1972, o Tribunal de Apelación do Sétimo Circuíto anulou todas as condenas, citando a parcialidade do xuíz e a súa “actitude desdeñosa e antagónica” cara á defensa, o que convertía o proceso nunha farsa xudicial.
A adaptación, aínda que fiel ao espírito do histórico “Chicago Seven Trial”, non está exenta de licenzas dramáticas que edulcoran a violencia policial así como o episodio do amordazamento do pantera negra Bobby Seale, quen comparecera inicialmente como o oitavo acusado, pero que logo foi apartado. Con todo Sorkin utiliza o xuízo como vehículo para explorar dilemas éticos atemporais: o dereito a protestar, a manipulación política da xustiza e o conflito entre a conciencia individual e a autoridade do Estado, nun relato que, lonxe de ser un simple exercicio de nostalxia dos anos sesenta, resoa con forza na polarizada actualidade.
Máis que unha crónica histórica, “The Trial of the Chicago 7” é un manifesto cinematográfico sobre a necesidade de lembrar que as institucións, cando se instrumentalizan convértense en ferramentas de represión e nunha maquinaria perfectamente engraxada para anular dereitos e liberdades.