Este texto forma parte dos contidos que terá o primeiro libro de ECOAR))) e que sairá á venda a finais do presente ano 2026. Gañar o relato”! Manual para combater o discurso de ultradereita.
Ultradereita é unha verba cuxa orixe etimolóxica configúrase polo prefixo “ultra” (que procede do latín “ultra-” significa ‘máis aló’, ‘extremo’) e o lexema “dereita” (procedente do latín “-directa” que significa ‘dereita’, ‘recta’). Na Asemblea Nacional Constituínte francesa durante o proceso revolucionario de 1789 os deputados conservadores e defensores do Antigo Réxime sentaban á dereita da Asamblea Nacional, e á esquerda situábanse os deputados favorables a cambios profundos que mudasen a estrutura do Antigo Réxime. Por esta razón o termo “dereita” empregouse, por extensión, para definir o pensamento conservador que entende a sociedade baseada na xerarquía, a autoridade, a seguridade, a orde, a tradición e a desigualdade; e, polo tanto, a “ultradereita” defínese etimoloxicamente como esa ‘dereita levada ao extremo’. Así pois o termo ultradereita adoita ser unha etiqueta difusa que agrupa un conxunto heteroxéneo de movementos políticos diversos e en constante cambio (nazismo, neonazismo, fascismo, neofascismo, postfascimo, paleoconservadurismo, Alt-right, Nouvelle Droite, Old Right, Q-Anon, neopatriotismo, ecofascismo, aceleracionismo de extrema dereita…). Se ben todos eses grupos teñen en común o seu rexeitamento e hostilidade cara á democracia liberal, poden clasificarse en dous grandes grupos:
-
Extrema dereita. Engloba movementos e partidos que buscan abolir o sistema democrático e substituílo por un réxime autoritario. Rexeita a soberanía popular, a igualdade cidadá e as eleccións libres, situándose fóra da legalidade democrática. Con frecuencia recorre ou xustifica a violencia como medio de acción política. Os seus referentes históricos son o fascismo e o nacionalsocialismo, que defendían estados totalitarios, poder centralizado e a eliminación da oposición política.
-
Dereita radical. Corrente política que actúa dentro da democracia representativa e participa regularmente nas eleccións, aceptando que os gobernantes deben ser elixidos polo pobo. Con todo, cuestiona principios básicos da democracia liberal, como o Estado de dereito, a protección das minorías e o pluralismo político. A súa ideoloxía baséase en tres elementos: o nativismo (prioridade das persoas nativas fronte ás estranxeiras), o autoritarismo (defensa da orde e da autoridade) e o populismo (oposición entre o pobo e as elites).
Para comprender a complexidade deste fenómeno, o politólogo alemán Klaus von Beyme distinguiu en 1988 tres vagas de ultradereita dende a Segunda Guerra Mundial, ás que Cas Mudde engadiu unha cuarta vaga en 2021. Nesa periodización amósase a transformación dende a derrota do fascismo na Segunda Guerra Mundial ata a actualidade.
-
1ª vaga (1945-1955). Supervivencia do fascismo histórico. Formada por grupos neofascistas e neonazis que intentaban manter vivas as ideas dos réximes derrotados, nomeadamente a Alemaña nazi e a Italia fascista. Os poucos grupos existentes eran abertamente neofascistas e, polo tanto, marxinais e con pouca relevancia electoral. As persoas partidarias destes estaban encarceradas, eran perseguidas ou víronse obrigadas a reciclarse a través de opcións políticas máis moderadas.
-
2ª vaga (1955-1980). Adaptación ao xogo democrático no que non cren. Abandónase a retórica fascista explícita e comezan a participar nas eleccións, aínda que seguen sendo formacións minoritarias. Nese contexto da Guerra Fría aséntanse nos países occidentais e céntranse na loita contra o comunismo, cuestión que contribúe a que comecen a abandonar a súa situación marxinal. Nos Estados Unidos o inicio desta vaga coincide co macartismo, que promovía a persecución de ideas e de persoas de esquerdas, mentres que en Europa algúns dos grupos máis extremos foron instrumentalizados na operación Gladio (unha rede clandestina da CIA e da OTAN destinada a combater a influencia comunista en Europa).
-
3ª vaga (1980-2000). Ascenso da dereita radical populista. Nun período marcado polos fortes cambios provocados pola globalización (desindustrialización de Occidente, configuración de sociedades diversas en canto a nacionalidades e relixións, así como o auxe dos proxectos supranacionais, como a Unión Europea) a dereita radical vai ascender acadando importantes éxitos electorais en varios países europeos a través dun discurso centrado no rexeitamento da inmigración, a identidade nacional, a inseguridade, a crítica ás elites políticas e a súa defensa da primacía do interese nacional.
-
4ª vaga (2000-actualidade). Desaparición da percepción da ultradereita como unha forza marxinal ou extrema, polo que os seus partidos están integrados e normalizados nos sistemas políticos. Moitos partidos chegan a formar parte de gobernos (Estados Unidos, Hungría, Brasil, Israel, India…) ou influír decisivamente nas políticas públicas (Francia, Alemaña, España, Portugal, Bélxica, Países Baixos, Austria…). Este rápido ascenso explícase por unha dobre crise: de seguridade (derivada do auxe do terrorismo xihadista dende os atentados do 11-S no ano 2001) e económica (iniciada coa caída de Lehman Brothers e a posterior crise económica de 2008). Esa dobre crise verase reforzada ademais pola crise de persoas refuxiadas do ano 2015. Todo isto facilitará o espallamento do seu discurso que se basea na crítica retórica da globalización, o rexeitamento frontal da inmigración, o euroescepticismo e a oposición ao multiculturalismo. Durante este período multiplicará a súa forza desenvolvendo unha forte presenza comunicativa, tanto en redes sociais como medios de comunicación, grazas a un forte financiamento obtido de grandes corporacións e grandes fortunas.
Así pois a ultradereita actual é un fenómeno poliédrico que abrangue dende partidos neofascistas con presenza parlamentaria ata movementos líquidos e transnacionais como a Alt-right ou QAnon. Todos eles, porén, comparten un rexeitamento á democracia liberal nos seus aspectos fundamentais, un fondo ultranacionalismo e un discurso anti-establishment.