Gañar o relato! Manual para combater o discurso de ultradereita. (VI). Pode provocarse un cambio do sentido común?
with Non hai comentarios

Este texto forma parte dos contidos que terá o primeiro libro de ECOAR))) e que sairá á venda a finais do presente ano 2026. Gañar o relato”! Manual para combater o discurso de ultradereita.

O sentido común dunha sociedade non é unha realidade neutral nin allea ás relacións de poder, senón un espazo de disputa onde se define aquilo que se considera normal, aceptable ou inevitable. Os cambios políticos profundos adoitan ir precedidos por transformacións na percepción colectiva, nas que determinadas ideas conseguen penetrar nos grupos humanos ata modificar os seus criterios de xustiza, autoridade ou pertenza. Este proceso permite comprender como movementos de ultradereita que buscan a destrución da sociedade mesma poden chegar a presentarse como opcións lexítimas e como as masas poden asumir novos marcos de interpretación da realidade. Analizar a transformación do sentido común é, polo tanto, analizar tamén os mecanismos sociais, culturais e políticos que fan posible a aceptación de determinadas formas de poder.

Quizais a primeira parada esixe deterse no concepto de hexemonía de Antonio Gramsci. O sardo definiu que a clase dominante exerce o seu poder non só pola forza (coerción), senón tamén a través do consenso. Este consenso conséguese difundindo a súa propia visión do mundo, a súa moral, costumes e valores, que se converten no “sentido común” da sociedade. Este “sentido común”, polo tanto, non é innato nin neutral, senón que é unha construción ideolóxica que favorece o recoñecemento da dominación da clase hexemónica polo resto da sociedade, a través de diversas institucións (escola, igrexa, medios de comunicación…) que fabrican e sosteñen este sentido común, facendo que a orde social vixente pareza natural e inevitable.

O sentido común confórmase polo que configura a identidade social do individuo. O Enfoque da Identidade Social indica que a identidade das persoas non provén só da súa biografía persoal, senón tamén da súa pertenza a grupos sociais (nación, clase social, relixión, afeccións, etc.). Este enfoque estrutúrase ao redor de tres procesos psicolóxicos interconectados:

  • Categorización Social. As persoas tenden a clasificar o mundo en “nós” (endogrupo) e “elxs” (exogrupo) para simplificar a realidade. Isto axúdaas a saber como deben comportarse e que deben esperar das demais.

  • Identificación Social. As persoas asumen a identidade do grupo ao que pertencen. Isto significa que interiorizan as súas normas, valores e emocións. Canto máis forte é a identificación, máis se perciben como unha extensión do grupo.

  • Comparación Social. Todas as persoas se comparan cos outros grupos. Para manter unha autoestima positiva, necesitan que o seu grupo sexa valorado como superior ou, cando menos, lexítimo en comparación cos demais. Se o seu grupo é percibido como inferior, xéraselles unha sensación de malestar e buscan estratexias para mellorar a súa posición.

Un concepto crucial dentro do Enfoque da Identidade Social é o de identidade social dos efectos da desindividuación. Esta refuta a idea de Le Bon de que na masa as persoas perden a identidade. Así pois esta teoría demostra que, en contextos de grupo, o individuo non perde a súa identidade, senón que a cambia. Pasa de actuar como “eu” a actuar como “nós”. Isto non implica irracionalidade, senón que a súa conduta se axusta ás normas específicas dese “nós”.

Así pois a ultradereita ofrece unha identidade social poderosa e atractiva a aqueles individuos que se senten ameazados ou vulnerables. A ultradereita medra en contextos de cambios sociais acelerados (globalización, crise económica, cambios de valores…) que supoñen unha ameaza á identidade do seu grupo tradicional (a nación, a clase obreira…). Para fortalecer a unidade, os membros do grupo tenden a percibirse como máis homoxéneos entre eles do que realmente son (“todxs pensamos igual”). A ultradereita explota isto creando un “nós” monolítico e positivo (“o pobo”, “xs de verdade”), fronte a un “elxs” tamén homoxéneo e malvado. Esta simplificación reduce a ansiedade que provoca a complexidade e ofrece unha sensación de certeza e pertenza moi reconfortante que empodera á persoa. O individuo identifícase pois co seu grupo e vive dentro dunha “burbulla” de sentido común que lle dá seguridade, pero que tamén o cega ás realidades que non encaixan con el. Incluso cando o sentido común dun grupo se desaliña cos feitos obxectivos (como ocorre por exemplo coas teorías da conspiración), a persoa non o ve como un erro, senón como unha proba máis de que “o sistema” conspira contra ela.