Acabar co Réxime do 78, construír unha democracia popular
with Non hai comentarios

O estado español, como sucede en todo occidente, caracterízase por vivir un momento de fortes tensións sociais debido ao desmantelamento do estado do benestar. Se ben débese ter en conta que o estado español conta cunhas características propias que esganan o sistema democrático, pois conta cunha arquitectura institucional deseñada para preservar o statu quo herdado do franquismo baixo unha aparencia de normalidade constitucional. O réxime do 78, como popularmente se coñece a este sistema, e a totalidade dos seus actores principais (bipartidismo PSOE-PP, monarquía, poderes fácticos, elites económicas herdeiras do tardofranquismo…) configuran a columna vertebral sobre a que se sustenta o estado español, e que impiden o seu pleno desenvolvemento democrático. A súa superación é unha condición necesaria para que a soberanía popular sexa algo máis ca unha fórmula no preámbulo da Constitución de 1978.

No discurso de nadal de 1969 o ditador Francisco Franco empregou a expresión “todo queda atado e ben atado” ao referirse a Juan Carlos I como o seu sucesor e, polo tanto, como garante do continuísmo do réxime despois da súa morte. O consenso que fundou o réxime foi un pacto de elites. A Lei para a Reforma Política de 1976 naceu das Cortes franquistas e a Constitución de 1978 foi sancionada por un monarca designado polo ditador que xurou lealdade ao Movemento Nacional franquista. Os Pactos da Moncloa disciplinaron os salarios e as expectativas populares a cambio de promesas de benestar que o capital non tardaría en retirar. A esquerda institucional, co PSOE á cabeza, aceptou a monarquía, que por definición é unha institución antidemocrática, a Lei de Amnistía do ano 1977, que exoneraba aos responsables dos crimes de lesa humanidade e das violacións de dereitos e liberdades durante 40 anos, e un Estado de Autonomías que neutralizaba as aspiracións nacionais das diferentes nacións que hai dentro do estado. A cambio diso, o PSOE recibiu unha quenda de alternancia que nunca ameazou os equilibrios reais de poder, pois é unha peza clave do funcionamento do sistema e só pode subsitir se o réxime se substenta.

A arquitectura do 78 blindou os aparatos coercitivos e xudiciais herdados da ditadura. A Lei de Amnistía de 1977 equiparou as vítimas do franquismo cos seus verdugos, levantando un muro contra a verdade, a xustiza e a reparación. O poder xudicial, lexitimado por unha Constitución que non depurou as estruturas do réxime anterior, actúa hoxe como gardián dunha orde que criminaliza a disidencia política e protexe a hexemonía dos principais partidos do sistema (PSOE e PP).

O bipartidismo PSOE-PP é a correa de transmisión dun réxime que xestiona a alternancia de partidos no executivo sen alterar os fundamentos. A corrupción non é unha anomalía, senón unha forma de funcionamento construída sobre a lóxica do franquismo: é o modo de funcionamento dun sistema onde os partidos de turno se financiaron historicamente (e continúan financiándose) estando ao servizo dos grandes intereses económicos. A crise de 2008 revelou a fraxilidade do pacto social. A modificación exprés do artigo 135 da Constitución, os rescates bancarios e os recortes demostraron cal era a verdadeira xerarquía de prioridades do réxime.

Abrir un proceso constituínte que permita dar un xiro radical ao modelo social é unha necesidade que debe orientar a todas as persoas e organizacións que busquen un sistema máis xusto e democrático. E para isto é unha obriga rachar completamente coa arquitectura do Réxime do 78. Precísase construír un novo sistema que o mude todo: a forma de Estado, o modelo territorial, os dereitos e libderdades, a distribución da riqueza, a relación entre economía e democracia… Non se trata de reformar o marco, trátase de substituílo por unha democracia real. Derrubar o Réxime do 78 debe ser o obxectivo a desenvolver cada día, construír unha democracia popular, o que veña xusto despois.