OMC 2017: ARRINCA O CUMIO DOS POBOS

with 1 comentario

Entre o 10 e o 13 deste mes terá lugar en Arxentina a 11ª conferencia ministerial da OMC. Neste cumio, que é a primeira vez que ten lugar nun país sudamericano, preténdese dar por pechado o acordo Mercosur-UE como un dos puntos centrais para o país anfitrión. Á súa vez terá lugar o Cumio dos Pobos, que reunirá en Bos Aires a decenas de organizacións sindicais, ONGs, colectivos sociais e activistas de distintos países.

A OMC, da que forman parte 164 países, considérase un  espazo multilateral de comercio onde se debate, se negocian e se toman decisións vinculantes en torno a asuntos de comercio internacional. Nesta ocasión as negociacións terán como punto central temas que impactan directamente na pesca e na agricultura como por exemplo o almacenamento público de reservas de alimentos para a seguridade alimentaria, subsidios agrarios e pesqueiros, salvagardas para os países en desenvolvemento, ademais de comercio electrónico e servizos.

Fronte ao práctico abandono da axenda para o desenvolvemento da OMC, 50 países coaligados que están en desenvolvemento, avogan pola continuidade dos programas públicos de reserva de alimentos que aseguran un prezo mínimo aos seus agricultorxs e melloran a seguridade alimentaria. Outra das grandes polémicas son os subsidios á pesca. A proposta é poñer coto aos subsidios que ten a pesca industrial e promocionar a artesanal. Para o goberno de Arxentina é importante que saia adiante o acordo de libre comercio entre a UE e Mercosur xa que leva postergándose fai máis dunha década. O cumio levarase adiante en medio do escándalo internacional no que o Goberno de Arxentina deportou e tamén retirou acreditacións a activistas, investigadorxs e periodistas de varias organizacións. Esto lle valeu un enfrontamento diplomático coa UE e Noruega.

Fronte a isto a resposta, tanto da sociedade arxentina como da global, sae adiante organizando a Semana de Acción Global contra a OMC. Esta comezou o día 7 cunha marcha da resistencia das Nais da Praza de Maio, a que lle seguiron reunións, palestras, proxeccións e actuacións artísticas que visibilizaron as problemáticas nas que a OMC é culpable de profundar, entre elas a falta de democracia, o patriarcado ou a precariedade laboral.

O Cumio dos Pobos, que xorde como contrapartida a 11ª ronda ministerial da OMC, levará como lema “Fóra OMC – Construíndo Soberanía”, que dende o día 11 ata o 13 terá foros abertos de debate, charlas e talleres que achegarán, dende diversas ópticas, cuestións como a xustiza climática, a soberanía alimentaria, o feminismo fronte ao libre comercio, dereitos dxs traballadorxs e dereitos dos pobos indíxenas entre outras. Oporanse tamén alternativas ás diversas problemáticas do sistema capitalista, tendo lugar ademais ao mesmo tempo a feira “Fóra OMC – As Alternativas Existen” no que distintxs produtorxs, que fan economía social, solidaria local e ecolóxica mostrarán os seus produtos e proxectos á cidadanía. Como punto forte o martes as decenas de colectivos e milleiros de activistas que participan desta semana de acción, sairán dende a Praza do Congreso nunha marcha que percorrerá a cidade de Bos Aires para dicir ben forte “Fóra OMC, construamos a soberanía!”

 

 

Links de interese:

Fuera OMC

One Response

  1. […] OMC 2017: ARRINCA O CUMIO DOS POBOS […]