CRÉBASE O TRATADO DE FORZAS NUCLEARES DE ALCANCE INTERMEDIO

with Non hai comentarios

O pasado 1  de febreiro,  o Goberno dos EEUU decidiu romper unilateralmente o Tratado de Forzas Nucleares de Alcance Intermedio (INF polas súas siglas en inglés), asinado en 1987 entre EEUU e a URSS. Un día despois do anuncio de Trump, o presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, anunciou tamén a retirada deste país do devandito tratado.

A sinatura deste documento data do 8 de novembro de 1987, cando o presidente dos EUA, Ronald Reagan, e o secretario xeral do PCUS, Mikhail Gorbachev, procuraban reducir as tensións entre as dúas potencias. Este tratado conviña a non proliferación de armas nucleares de alcance medio (entre 500 e 5.500 km) e o seu progresivo desmantelamento. Tales armas tiñan a capacidade de chegar dende a URSS a calquera país de Europa occidental e incluso á costa occidental estadounidense, e viceversa.

As cifras oficiais da imaxe amosan os mísiles despregados por ambas partes o 1 de novembro de 1987, pouco antes da sinatura do tratado.

Dende o ano 2013, as distintas administracións estadounidenses veñen acusando a Rusia de facer probas cun mísil que incumpre os acordos do pacto. Segundo a versión norteamericana, xa o goberno de Obama tentara, a través da diplomacia, que xs rusxs non continuasen o seu desenvolvemento, mais o mísil finalmente está operativo dende o ano 2017. Xs rusxs negan esta acusación e alegan que xs estadounidenses proban lanzadeiras móbiles e drons con características semellantes aos mísiles prohibidos polo tratado.

O INF marcou un punto de inflexión clave cara a distensión entre as dúas superpotencias. Este histórico pacto permitiu as inspeccións militares mutuas e supuxo a eliminación de 2.692 mísiles: 846 por parte dos EUA e 1.846 por parte da Unión Soviética, o día que remataba a aplicación do tratado, o 01/06/1991. Así pois, de facerse realidade a ruptura definitiva deste tratado, poderían agudizarse os conflitos xa existentes (Iemen, Siria…) e provocar outros novos, cuxas consecuencias previsiblemente acabará sufrindo a poboación de terceiros países  que non teñen ningún tipo de responsabilidade nesa loita de poder entre as potencias. Asemade, o tremendo impacto ecolóxico que a fabricación, o lanzamento e a detonación destes mísiles causa, non contribuirá máis que a agravar a situación ambiental do planeta. Restan 6 meses para poder presionar aos gobernos correspondentes e que tanto Rusia como EEUU modifiquen a súa posición cara a unha saída responsable.

Máis Información:

ICAN(Inglés)

Interésache:

ESTRASBURGO: PAZ, DEMOCRACIA E LIBERDADE PARA O CURDISTÁN