#FRIDAYSFORFUTURE, FOLGA ESTUDANTIL CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO

with Non hai comentarios


O movemento #FridaysForFuture1 vén convocando en todo o planeta manifestacións, protestas e concentracións de estudantes todos os venres dende finais do 2018, que culminarán o 15 de marzo2 cunha folga estudantil mundial para esixir á clase política accións contundentes que revertan o cambio climático

Este movemento colleu especial pulo tras o discurso que a estudante e activista sueca Greta Thunberg deu o 12 de decembro de 2018 ante o COP24 (Cumio sobre o Cambio Climático das Nacións Unidas)3. Dende ese momento veñen producíndose semanalmente manifestacións estudantís en toda Europa, especialmente en Bélxica, onde son especialmente multitudinarias. Noutros países europeos e do mundo, como España, Francia, Reino Unido, Alemaña, Xapón, EEUU, Suíza ou Holanda, as manifestacións son cada vez máis numerosas todos os venres4.

O organismo das Nacións Unidas que avalía o cambio climático a través dunha análise científica exhaustiva, o IPCC (Panel Intergubernamental do Cambio Climático), afirma no seu último informe que o grao de certeza de que a actividade humana estea detrás do aumento da temperatura do planeta está actualmente nun 95%5; e, malia que #FridaysForFuture sostén que este aumento non debería exceder dos 2ºC de agora ao 2100, o IPCC insiste na necesidade de non exceder unha suba de 1,5ºC, asegurando asemade que é perfectamente plausible⁶. De non asumir un cambio radical nas nosas políticas medioambientais, o IPCC asegura que sufriremos a nivel global o aumento do nivel do mar, os fenómenos meteorolóxicos extremos (secas, inundacións…), perdas importantes en agricultura, gandería ou turismo, desertización, perdas de caudais dos ríos, etc. Todo isto terá graves consecuencias que desembocarán en importantes perdas económicas, guerras polo acceso á auga e aos recursos naturais, refuxiadxs climáticxs e moitas outras problemáticas que probablemente aínda non se poden prever nun horizonte próximo7.

A esencia do capitalismo é o crecemento ilimitado, baseado na explotación do planeta e daquelxs que nel habitan. A concepción neoliberal do planeta como unha despensa da que extraer recursos de xeito ilimitado para nutrir a sociedade de consumo, choca frontalmente co carácter limitado do planeta8. Así pois, o movemento #FridaysForFuture pode conducir a unha maior e mellor concienciación medioambiental da sociedade para que escale exponencialmente a presión sobre gobernos e poderes co fin de que aborden o tema como é preciso. De momento xa dimitiu a ministra de medio ambiente flamenca9 e, de prosperar estas mobilizacións, centrarase definitivamente o debate político neste tema. O 15 de marzo pode ser un punto de inflexión.

1https://www.fridaysforfuture.org/
   
2https://www.fridaysforfuture.org/events/map
   
3https://www.youtube.com/watch?v=wYr3DNWcFO0

4https://www.dw.com/en/fridays-for-the-future-students-rally-for-the-climate/g-47739485
   
5https://es.wikipedia.org/wiki/Grupo_Intergubernamental_de_Expertos_sobre_el_Cambio_Clim%C3%A1tico#Quinto_Informe
   
6https://www.ipcc.ch/sr15/chapter/chapter-3/
   
7https://elpais.com/internacional/2015/10/26/actualidad/1445872107_049759.html

8https://www.lavanguardia.com/medio-ambiente/20120608/54308828129/puede-haber-capitalismo-ecologico.html
   
9[https://elpais.com/sociedad/2019/02/07/actualidad/1549559299_672538.html

Máis Información:

https://www.fridaysforfuture.org/

Interésache:

COP24: É A HORA DA SOCIEDADE CIVIL