CAMP IN GÁS: UN NOVO PASO CARA Á ESCALADA DE ACCIÓN

with 2 Comentarios

Este sábado 20 de xullo rematamos con éxito unha nova acción de desobediencia civil xunto a activistas chegadxs de diversos puntos de Europa que estamos fondamente convencidxs da necesidade de facer fronte a todos aqueles proxectos de enerxías fósiles sexa como sexa, e de camiñar cara á realización dunha transición enerxética rápida e xusta. 

O marco, desta volta, eran os terreos que a empresa Australis Oil & Gas ten en Bajouca (Portugal) para facer unha explotación de gas. A loita ten a súa orixe nas 15 concesións de explotación de combustibles fósiles en Portugal no ano 2015. Fronte esa situación diversos grupos e movementos foron xurdindo rapidamente para abordar cada un deses casos e non deixar que fosen adiante. Hoxe 13 deses 15 contratos xa foron botados abaixo e tan só quedan dous contratos de gas: Aljubarrota e Bajouca.

Para abordar a situación de Bajouca diversos movementos e organizacións portuguesas impulsaron o Camp in Gás. Unha acampada de activismo climático a partir da cal construír unha acción de desobediencia civil para visibilizar a oposición social ás prospeccións na procura de gas que pretende levar ao cabo a empresa de capital australiano e así cancelar o contrato de xeito definitivo.

O campamento permaneceu en pé do mércores 17 ao domingo 21 de xullo. Ademais de nos coordinar e impartir formacións en acción directa non-violenta, houbo diversos espazos nos que se reflexionou e debateu sobre os vindeiros pasos a levar ao cabo pola sociedade civil para poder facer fronte ao enorme desafío global que supón a situación de emerxencia climática durante os vindeiros anos. 

Xa o sábado 20 máis de 400 activistas levamos ao cabo unha acción que se dividiu en tres dedos. O dedo verde, que desenvolve unha marcha legal, e o dedo amarelo e rosa, que pretenden entrar no terreo da empresa gasística. O dedo amarelo toma o espazo dende o primeiro momento, mentres que o rosa inicia a súa marcha integrado dentro do verde que atravesa a vila. Chegado un punto do percorrido separámonos do resto da marcha e tomamos un camiño diferente, atravesamos polo monte e vestímonos cos monos brancos. Unha vez no terreo despregamos as pancartas e mensaxes, e empezamos a plantar árbores autóctonas por todo o terreo sobre o que se pretenden levar ao cabo as prospeccións.
Rematada a acción conducímonos cara á Semana de Loita contra a Crise Climática que se desenvolverá en países de todo o planeta. Esa semana iniciarase o 20 de setembro cunha Folga Internacional de Estudantado e finalizará o 27 de setembro coa primeira Folga Xeral Internacional pola Crise Climática. Daremos un paso máis. Un paso adiante e frontal contra un sistema inxusto que debemos mudar de raíz. Un paso que nos leve en 2020 a unha Rebelión polo Clima!!  

Máis información:

Camp In Gás

Interésache:

ECOAR))) PARTICIPA NO VINDEIRO CAMP IN GAS

ENDE GELÄNDE: A URXENCIA DA FIN DAS ENERXÍAS FÓSILES

2000 ACTIVISTAS PARA BLOQUEAR A MINA DE GARZWEILLER

ENDE GELAENDE: INICIAMOS A ACCIÓN!

2 Responses

  1. […] CAMP IN GÁS: UN NOVO PASO CARA Á ESCALADA DE ACCIÓN […]

  2. […] CAMP IN GÁS: UN NOVO PASO CARA Á ESCALADA DE ACCIÓN […]