GOLPE XUDICIAL NO SALVADOR

with 1 comentario

O goberno do presidente Nayib Bukele de O Salvador conseguiu a aprobación no congreso o pasado 31 de Agosto e publicou no Diario Oficial o 14 de setembro unha polémica reforma á Lei da Carreira Xudicial1. Dita norma pretende, segundo palabras do presidente, “depurar o Órgano Xudicial e sacar aos corruptos”. Sen embargo, o texto da lei inclúe, entre outros puntos, a xubilación de maxistradxs con máis de 60 anos de idade ou 30 anos de exercicio, sen especificar en ningún punto en que contribúe isto a eliminar a corrupción xudicial.

Tendo en conta que a medida suporá a xubilación automática dun terzo de xuíces e xuízas2, así como boa parte do funcionariado da Fiscalía e os tribunais, a medida é vista por boa parte da oposición como un golpe á independencia xudicial e unha violación ás atribucións dos diferentes poderes públicos. “É violar a pouca independencia xudicial que quedaba no país”, laiábase o lexislador René Portillo da opositora Alianza Republicana Nacionalista. Polo contrario, o partido oficialista Nuevas Ideas congratulábase pola medida. “Este día é histórico porque comeza a verdadeira xustiza no noso país”, aseguraba a deputada Rebeca Santos3.

Non é a primeira vez que o presidente Bukele toma unha decisión polémica respecto ao poder xudicial. O pasado maio ordenou a destitución inmediata dos xuíces da Sala do Constitucional da Corte Suprema, e en febreiro do ano pasado deu a orde ao exército de tomar pola forza o edificio da Asemblea Nacional, controlado pola oposición, despois de que esta se opuxese a conceder un préstamo extraordinario ao seu goberno.

Se ben nun primeiro momento o goberno de Bukele gozou de amplia popularidade, rompendo coa hexemonía bipartidista que existía no país dende o fin da guerra civil en 19924, o descontento da sociedade salvadoreña medra segundo o goberno adopta medidas impopulares en materia política, económica e social, tales como a implementación do bitcoin como moeda de intercambio no país. Por outra banda, organizacións como Amnistía Internacional critican as máis de 2000 detencións arbitrarias de persoas e a reclusión de estas en centros de contención do goberno5.

Nayib Bukele intentou cultivar unha imaxe desenfadada mentres que en paralelo leva ao seu goberno a unha cada vez máis perigrosa deriva autoritaria, dando primacía ao poder executivo sobre o xudicial. Estes conceptos semellan aunarse cando na súa conta de twitter di ser “o ditador máis cool do mundo mundial”6. Pero o pobo salvadoreño comeza a esgotarse desta dialéctica: O 15 de setembro, entre 5000 e 8000 persoas protagonizaron a manifestación máis multitudinaria dende a súa chegada ao poder en 20197. É necesario seguir coa presión ata que caian as máscaras dos autodenominados “ditadores guais”.

1 https://www.laprensagrafica.com/elsalvador/Califican-de-absurdo-decreto-que-reforma-ley-de-carrera-judicial-20210918-0067.html
2 https://www.bbc.com/mundo/noticias-america-latina-58417033
3 https://cnnespanol.cnn.com/2021/09/01/aprueban-ley-para-jubilar-a-jueces-y-fiscales-a-los-60-anos-en-el-salvador/
4 https://www.eluniverso.com/noticias/internacional/popularidad-de-nayib-bukele-no-se-merma-en-el-salvador-pese-al-rechazo-internacional-a-medidas-del-congreso-nota/
5 https://www.amnesty.org/es/petition/nayib-bukele-detenga-la-represion/
6 https://www.efe.com/efe/america/politica/el-presidente-bukele-dice-en-twitter-que-es-dictador-mas-cool-del-mundo/20000035-4634840
7 https://elpais.com/internacional/2021-09-15/nayib-bukele-enfrenta-su-primera-protesta-masiva-por-la-deriva-autoritaria-en-el-salvador.html

Interésache:

One Response

  1. […] GOLPE XUDICIAL NO SALVADOR Manual para Campañas Non-Violentas ASINA: POLA APERTURA DE FRONTEIRAS EN AFGANISTÁN Destacados, Difunde, Todos os Artigos […]