Mañá dá comezo o cumio anual no G7 en Évian-les-Bains, Francia. Os seus membros son Alemaña, Canadá, Francia, Italia, Xapón, o Reino Unido e os Estados Unidos de América, que no seu conxunto acugulan arredor do 60% da riqueza económica mundial.
Reúnense cada ano para organizar a dirección capitalista do mundo, converténdose nunha ferramenta de militarización ao servizo de multinacionais. A xuntanza prodúcese nun contexto de profundas tensións xeopolíticas que dificultarán que as autoridades destes Estados poidan tan sequera emitir un comunicado común.
Fronte á blindaxe policial imposta polas forzas de represión francesas, que prohibiron calquera manifestación no seu territorio, a resistencia internacionalista organízase ao outro lado da fronteira, en Xenebra (Suíza). A coalición NO G7, integrada por máis de 40 organizacións anticapitalistas, convoca un contracumio do 13 ao 17 de xuño, que incluirá xornadas de debate o día 13 e unha gran manifestación o 14 de xuño, coincidindo coa histórica Folga Feminista suíza.
Non é en absoluto necesario que o G7 se reúna máis unha vez para debater, de novo, como solventar problemas que, en gran parte, eles mesmos xeran, adquirindo compromisos que rematan sendo brindis ao sol, resultando ser, incluso, un fracaso diplomático da globalización.