with Non hai comentarios

O 20 de xuño conmemórase o Día Mundial das Persoas Refuxiadas. Neste contexto, “Dounana”, unha canción lanzada hai máis dun ano, emerxe como un berro furioso contra o neocolonialismo e a destrucción dos pobos.

A peza foi creada en novembro de 2024 pola artista de orixe siria Siba Alkhiami, residente en Berlín, en colaboración co produtor alemán Monkyman (Felix Spitta). Ano e medio despois, en abril de 2026, a autora publicou unha mensaxe sobre a vixencia da canción na actualidade, provocando unha inesperada viralización nas redes sociais.

A atención global recibida explícase porque o tema condensa a raiba e a dor de pobos sometidos á violencia estrutural, ofrecendo unha narrativa que sitúa no centro a responsabilidade política das potencias occidentais.

O xerme da canción atópase nun contexto xeopolítico marcado pola escalada bélica e o desarraigamento social. A autora explicou, en declaracións recollidas por medios internacionais, que sentiu a urxencia de escribir un poema “sen filtro intelectual” ante a desesperanza de observar un xenocidio a través das pantallas.

A letra denuncia a aniquilación cultural, a demonización da resistencia do Sur Global e o papel de Occidente nos conflitos intenacionais. A continuación, unha mostra da letra:

Erradicar as nosas raíces
Demoler os nosos fogares
Criminalizar a nosa existencia
Falsificar as nosas orixes
Separar os nosos seres queridos
E masacrar os nosos nenos
Dar por feito o noso sangue
E demonizar os nosos revolucionarios
[…] Roubar o noso coñecemento
Manter o noso pobo na ignorancia
E torturar os nosos espíritos
E negarnos os nosos dereitos
Colonizar os nosos países
E nomear os nosos gobernantes
Apropiarse dos nosos bens
E queimar as nosas árbores

Pero quen seríades sen nós?

[…] Bombardear os nosos teitos
Facernos pasar por mentireiros
E observar a nosa dor
E menosprezar a nosa agonía
Ignorar as nosas bágoas
E pechar os nosos ollos
Mutilar os nosos rostros
E negar os nosos sentimentos
Destruír os nosos soños
[…] Pero quen seríades sen nós
Non seríades sen nós
Non seredes sen nós

A súa mensaxe funciona como unha crítica frontal ás políticas neocoloniais das potencias occidentais que atacan países do Sur Global (a invasión de Iraq por parte de Estados Unidos no ano 2003), impoñen réximes clientelares (a Operación Ajax, unha acción encuberta dos servizos de intelixencia estadounidenses e británicos que, motivada pola nacionalización do petróleo, provocou un cambio de réxime en Irán en 1953), financian o terrorismo (a Operación Ciclón, por parte de Estados Unidos, na década de 1980, que apoiou con armamento e diñeiro aos rebeldes islámicos opostos ao goberno socialista de Afganistán e que, posteriormente, conformarían a base de Al Qaeda) e alimentan a fragmentación interna en países do Sur Global mediante programas de inxerencia que prolongan os conflitos sen ofrecer solucións reais (a operación “Timber Sycamore”, un programa encuberto da CIA que, entre 2013 e 2017, subministrou armamento a grupos rebeldes sirios considerados moderados, tivo como consecuencias o fortalecemento de organizacións xihadistas como Al Qaeda e o Estado Islámico (ISIS), segundo recoñeceron diversos responsables estadounidenses; o debilitamento das forzas curdas; e a prolongación da guerra). Estas dinámicas contribuíron á desestabilización de numerosos territorios e xeraron fluxos migratorios que hoxe son tratados como unha ameaza nos mesmos países que permitiron as intervencións anteriores.

Neste sentido, a obra de Siba Alkhiami encapsula a tensión entre unha Europa (socia incondicional de EEUU) que se presenta(ba) como refuxio e a responsabilidade estrutural dos seus estados nas condicións que obrigan a milleiros de persoas a fuxiren. A artista sinalou especificamente o papel dos medios de comunicación alemáns, aos que acusou de “empurrar a axenda propagandística dun goberno que nin sequera é o seu” en lugar de informar con integridade sobre os feitos.

Como se indica na súa páxina de Bandcamp, todos os beneficios obtidos coa canción serán destinados a iniciativas humanitarias do Sur Global. “Dounana” constitúe unha mostra de como a produción cultural pode converterse nun instrumento de denuncia da desigualdade estrutural e das consecuencias humanas do neocolonialismo.

Fontes: