Este texto forma parte dos contidos que terá o primeiro libro de ECOAR))) e que sairá á venda a finais do presente ano 2026. Gañar o relato”! Manual para combater o discurso de ultradereita.
A continuación insírense seis bloques de pautas para poder confrontar discursivamente á ultradereita. Os tres primeiros bloques de pautas (as relacionadas cos marcos e a linguas, as relacionadas coa estratexia argumentativa e emocional, así como as advertencias e erros a evitar) pertencen ao eido do desenvolvemento propio, é dicir, as que deben empregar persoas e organizacións na argumentación directa co discurso de ultradereita. Por outra banda os tres bloques seguintes (as relacionadas coa axenda e os medios de comunicación, as relacionadas coa educación e o tecido social, así como as relacionadas coa estratexia política e institucional) configuran as pautas indirectas, é dicir, as que deben empregar as persoas e organizacións sobre terceirxs para poder confrontar á ultradereita.
1.- PAUTAS RELACIONADAS COS MARCOS E A LINGUAXE (NON XOGUES NO SEU TERREO!)
-
Non responder nin reproducir o marco instaurado pola ultradereita. Fronte a isto aplicar a estratexia dos 3 R: reorientar (cambiar o marco. Ex. A inmigración trae delincuencia ⟶ A inmigración sustenta a sociedade), rexeitar (sinalar desviacións e mentiras. Ex. A inmigración trae delincuencia ⟶ Estás a mesturar inmigración e delincuencia e os datos ‘x’ e ‘y’ non sinalan iso senón todo o contrario) e resaltar (construír un discurso novo e maioritario. Ex. *A inmigración trae delincuencia ⟶ A seguridade nace da confianza e a cohesión, non do odio. Máis escolas, máis hospitais, maior distribución da riqueza…).
-
Non empregar os seus eufemismos nin a súa terminoloxía. Fronte a isto identificar os conceptos polo seu significante real. Ex. “pin parental” > “censura educativa”; “reemigración” > “deportación racista de persoas”; “feminazi” > “medo á perder os privilexios masculinos”; “ditadura woke” > “pánico á igualdade”; “prioridade nacional” > “racismo”.
2.- PAUTAS RELACIONADAS COA ESTRATEXIA ARGUMENTATIVA E EMOCIONAL (PONLLES UN ESPELLO DIANTE!)
-
Denunciar e desenmascarar as polarizacións extremas. Fronte a isto construír unha argumentación elaborada que amose a diversidade de posicións e a complexidade da cuestión. Ex. *“Ou controlamos ferreamente as fronteiras ou entrarán milleiros de delincuentes” ⟶ “Ese marco simplifica un debate moito máis complexo, ademais de facer unha falsa relación entre migración e delincuencia, amosando un forte racismo…”.
-
Confrontar os discursos que teñen nesgos discriminatorios. Fronte a isto desentenderse do bulo, non reaccionar con escándalo e sorpresa e, finalmente, describir á persoa emisora (clasistas, machistas, racistas, autoritarixs, violentxs, negacionistas…), pero non insultar. A maior característica discursiva da ultradereita é facerse a vítima e dramatizar. No caso de recibir insultos aposta por unha dobre vía: vitimízanse e tamén asumen que teñen vía libre para meterse na lama discursiva. Ex. *“Hai que ser cabrón para pensar así! Es un racista noxento!” ⟶ De xeito calmado describir a persoa e, a poder ser, sinalar o seu sentimento de inseguridade “Está claro que ás persoas racistas sempre vos fai sentir moi inseguras a inmigración”.
-
Crear novas “cadeas de equivalencia” evitando divisións xerárquicas “1 vs. 1”. Fronte a isto articular demandas diferentes nun mesmo marco común de xeito que diferentes grupos se recoñezan nun mesmo proxecto. Ex. *“A mocidade quere aproveitarse da vivenda dxs maiores” ⟶ “Mocidade que non pode emanciparse, familias con hipotecas elevadas, maiores con pensións baixas e traballadorxs con salarios baixos comparten un mesmo problema: o acceso a unha vivenda digna”.
3.- ADVERTENCIAS E ERROS A EVITAR (NON CAIAS NA TRAMPA!)
-
Evitar que a ultradereita sexa quen instale o marco discursivo. Fronte a isto o discurso propio debe ser maioritariamente novo construíndo marcos alternativos, centrados nas propias propostas e valores; non limitarse a negar o discurso do outro, pois iso actualízao, reprodúceo e amplifícao. Ex. *“A inmigración é o principal problema do país” ⟶ “Os principais retos para a maioría da cidadanía son o acceso á vivenda, a precariedade laboral e o fortalecemento dos servizos públicos. As políticas migratorias son unha cuestión que debe abordarse con eficacia, respecto aos dereitos e cooperación internacional, sen desviar a atención doutros problemas que afectan ao conxunto da sociedade.”
-
Non eludir nin omitir (nin imitar!) as estratexias comunicativas da ultradereita. Fronte a isto centrarse en resolver problemas estruturais e en enfrentarse ás estruturas de poder, non copiando narrativas da ultradereita (nacionalismo exacerbado, aceleracionismo tecnolóxico, discurso identitario…) que só pavimenta o camiño á ultradereita. Ex. *“As elites políticas e económicas abandonaron á xente común porque priorizan os estranxeiros” ⟶ “A desigualdade e a perda de seguridade económica teñen relación con decisións políticas e económicas concretas: dificultades de acceso á vivenda, perda de poder adquisitivo ou debilitamento dos servizos públicos. A resposta debe ser mellorar as condicións de vida da maioría social, non propoñer medidas racistas que buscan eludir ás persoas responsables e beneficiarias reais, mentres culpabilizan a un grupo que non é responsable da desigualdade.”
4.- PAUTAS RELACIONADAS COA AXENDA E OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN (FAI RESPONSABLES AOS MEDIOS!)
-
Cuestionar e redefinir a axenda pública. Fronte a isto non aceptar que a ultradereita marque os temas de debate e apostar por cuestións alleas ao seu marco, maiormente inclusivas e interculturais. Ex. *”A ocupación é o gran problema da vivenda.” ⟶ “A maior preocupación da maioría é poder acceder a unha vivenda digna a un prezo asumible. Falemos de oferta de vivenda, alugueiros, control de prezos, eliminación dos pisos turísticos, pagamento agresivo e escalado de impostos para os grandes tenedores, rehabilitación, emancipación da mocidade….”
5.- PAUTAS RELACIONADAS COA EDUCACIÓN E O TECIDO SOCIAL (PON EN FORMA A TÚA COMUNIDADE!)
-
Non permitir que sintan que a rúa e o espazo público é ou pode ser seu. Fronte a isto impulsar a ocupación e dinamización dos espazos públicos, a mobilización social e a activación do tecido social. A resposta non pode ser só comunicacional, precisa de acción social, activismo e construción colectiva. Ex. Organizar feiras, concertos, festas populares ou andainas, promover mobilizacións e concentracións, dinamizar centros sociais e cívicos, organizar accións, apoiar o asociacionismo local, crear espazos de encontro…
6.- PAUTAS RELACIONADAS COA ESTRATEXIA POLÍTICA E INSTITUCIONAL (EXERCE TODA A PRESIÓN!)
-
Frear o avance de iniciativas ou liñas políticas que buscan preverter e alterar a democracia. Fronte a isto protexer o Estado de Dereito e asegurar que non haxa actores institucionais (policía, exército, xuíces) que subverten ou alteran a orde democrática. Ex. Garantir a independencia do poder xudicial, eliminar o monopolio aleatorio do emprego da forza por parte do estado, eliminar as leis mordaza, ampliar os dereitos político-civís, perseguir as condutas contrarias aos dereitos e liberdades…