Francia está a vivir un mes de mobilizacións masivas que están a poñer en xaque o Goberno de Macron. Ante a convocatoria dunha nova mobilización para este sábado 24 de outubro, o Goberno respondeu cunha deriva cada vez máis autoritaria: represión policial, toques de queda, intento de prohibir o uso das redes sociais e suspensión do dereito de manifestación, coa única excepción das convocatorias sindicais autorizadas.
Todo comezou cos bloqueos estudantís en centros de ensino secundario de Mayotte e da Güiana Francesa, dous territorios de ultramar de Francia que comparten unha historia colonial común. O fenómeno colleu forza co bloqueo dun instituto en Créteil, na rexión parisiense. A violencia policial durante este bloqueo espertou a indignación e estendeu as protestas por toda Francia.
Mentres o Goberno francés planea incrementar o seu orzamento militar un 40 % ata 2030, o estudantado denuncia a falta de profesorado, os edificios escolares envellecidos e en moi mal estado, así como uns horarios lectivos excesivamente cargados. As mobilizacións reclaman máis orzamento para a educación e menos para o exército.
O movemento estudantil comezou a organizarse a través das redes sociais, especialmente de “Snapchat”, con numerosos vídeos difundidos en “Instagram” e “TikTok”. Enfronta unha represión estatal máis intensa ca calquera outra coñecida nos últimos anos, con violencia policial e uso de gases lacrimóxenos e granadas.
Durante as manifestacións do 17 de outubro produciuse unha confluencia entre a mocidade e o movemento dos «chalecos amarelos», o que intensificou as protestas. Nos medios de comunicación xeneralistas centráronse nas tácticas e non na mensaxe, afirmando que «as reivindicacións son lexítimas, pero a violencia non leva a ningures; non hai que queimar os colectores do lixo».
Estas protestas súmanse á onda de mobilizacións impulsadas pola xeración Z en todo o mundo: Albania, Serbia, Portugal, o Estado Español, Bélxica, Italia, Chile, Colombia, Ecuador, os Estados Unidos, a India, Paquistán… Unha vez máis, a mocidade demostra que non está todo perdido e que daremos a batalla nas rúas.
Fontes
-
RTVE Noticias. (2026, 22 de octubre). Macron anuncia restricciones a manifestaciones en Francia y convoca un Consejo de Defensa. RTVE Noticias
-
Muzaffer Unsaldi, Defence Agenda. (2025, 14 de julio). France boosts its military budget to €413 billion. Defence Agenda
-
Testemuños de activistas en francia