A falta das verificacións definitivas os resultados das eleccións de medio mandato nos Estados Unidos representan unha derrota esmagadora e sen paliativos para Donald Trump e a súa axenda reaccionaria. A conquista demócrata da Cámara de Representantes e do Senado non é un simple axuste institucional, senón a fotografía dunha resposta popular masiva contra un Goberno claramente marcado pola brutalidade, tanto interna como en política exterior, a corrupción e un talante antidemocrático con tintes filofascistas. Se ben o resultado non debe asumirse como unha vitoria das elites demócratas, senón como un proceso de cambio de base popular para frear o autoritarismo que aspira a reconstruír as bases dunha sociedade máis xusta, tanto dentro como fóra das fronteiras estadounidenses.
A primeira consecuencia da derrota de Trump tradúcese nunha vitoria de carácter defensivo, pois a partir de xaneiro, a axenda lexislativa da extrema dereita morrerá no Congreso sistematicamente. Ademais a nova maioría demócrata terá o poder de citar e investigar. Está por ver cal será a estratexia demócrata, pero agora contan con plena capacidade para iniciar o proceso de impeachement na Cámara de Representantes, aínda que ao non ter unha maioría de dous terzos no Senado non teñen asegurado levar ese proceso a bo porto. O contexto e delcaracións previas de diferentes figuras do partido permiten prever unha posición de máis cautela sobre a posibilidade de desenvolver un terceiro impeachment inmediato (para non repetir os erros de 2019 e 2020) orientando a súa estratexia cara á asfixia institucional do trumpismo a través dun cerco xudicial e parlamentario abafante. Parece claro que o partido demócrata buscará desmantelar a rede de corrupción da familia Trump e, especialmente, buscará responsabilizar e desgastar diversas figuras clave do goberno trumpista como o secretario de Defensa, Pete Hegseth, pola desastrosa xestión da guerra.
Un dos puntos máis críticos da axenda interna é a política migratoria. A administración Trump estaba a presionar ao ICE (Servizo de Inmigración e Control de Aduanas) para realizar ata 3.000 arrestos diarios, nunha espiral de violencia que deixou varias persoas mortas en diversas cidades e que se traduciu nun clima de terror ao longo de todo o territorio de Estados Unidos. A forte mobilización popular e a resposta social contribuíron de xeito claro á derrota republicana enviando un claro sinal de que a política racista de persecución contra as clases traballadoras ten un alto custo político. Será unha posición practicamente segura que un Congreso de claro dominio demócrata limitará os fondos e esixirá responsabilidade polas operacións paramilitares do ICE, freando a maquinaria xenófoba e racista de deportación masiva.
Outro dos puntos que teñen unha forte oposición é a persecución política das persoas opositoras por parte da administración Trump. Semella que a política de carácter macartista que iniciou o trumpismo buscando perseguir as posicións relacionadas coas ideoloxías de esquerda e a disidencia tocará ao seu fin. O pasado mes de xullo 66 países estiveron presentes en Washington para participar nun cumio internacional que buscaba combater o “terrorismo de extrema esquerda” e a actividade de redes como “Antifa”. Este cumio marcaba o inicio dun novo xeito de entender o combate da disidencia pois as organizacións de esquerda pasaban a ser un dos tres tipos de terrorismo para os Estados Unidos (xunto ao xihadismo e o narcotráfico), e as autoridades estadounidenses arrogábanse a capacidade de intervir e deter en terceiros países a quen for. Esta liña política parece que ten os seus días contados despois de que demócratas de diferentes correntes de dentro do partido amosasen a súa firme oposición e criticasen duramente tanto o evento en si como a violación de dereitos e liberdades que o mesmo supuña.
No referido ao plano internacional as consecuencias son similares pois a capacidade de actuación na política exterior de Trump, baseada na ameaza e na guerra, queda severamente limitada. A guerra contra Irán foi un dos principais motivos do desastre electoral republicano, tanto polo custo en vidas como pola inflación do petróleo que provocou. Tal e como sucedera décadas atrás con Vietnam, a maioría demócrata probablemente orientará a súa liña de actuación a cortar o financiamento da guerra. Isto traduciríase na apertura dun proceso de desescalada real e de retorno á diplomacia, aínda que hai moitas posibilidades de que Trump recorra a acelerar unha aventura militar para poder condicionar a xestión do conflito bélico co país persa. Derivado disto semella que os países do Golfo respiran aliviados perante a perspectiva de que se poida frear ou desescalar o conflito na rexión. En menor medida tamén haberá un cambio de escenario para a situación con Cuba, pois a escalada da estratexia de asfixia quedará en parte bloqueada. O partido demócrata, máis que sensible aos intereses de certos sectores contrarios á revolución cubana en Florida, tamén conta cunha base social claramente posicionada contra as políticas crueis e xenocidas establecidas polo goberno trumpista, polo que é moi probable que limite a capacidade de Trump de escalar militarmente ou de impor sancións máis duras. Con todo, débese ter en conta que dende Washington non se levantará o bloqueo de forma unilateral, e o único que si poderá producirse é unha etapa de “negociación de baixa intensidade” onde A Habana seguirá sendo vítima dunha política exterior xenocida por parte de Estados Unidos. En referencia a China semella que, coa chegada do dominio do partido demócrata nas dúas cámaras, o impacto directo sobre as relacións e dinámicas co país asiático será limitado. A política cara a Pekín é un consenso de estado entre os dous partidos da cámara de representantes. Aínda que Trump puidese buscar acordos rápidos para poder presumir de “éxitos diplomáticos”, semella que é unha vía morta pois calquera concesión que faga algunha das dúas partes ao país asiático provocará “ruído” e “munición política” para a bancada contraria.
Por outra banda os resultados obtidos por Trump nas Midterms deste 3 de novembro teñen graves consecuencias para os seus aliados. Europa, que se por algo destaca dende o fin da 2ª Guerra Mundial, pero sobre todo dende a chegada do trumpismo ao poder, é pola sumisión total e a asunción do seu rol de colonia de Estados Unidos, atópase nunha encrucillada. Os países europeos e, especialmente os organismos da UE, atópanse aterrorizados pois temen que un Trump humillado e “ferido” descargue a súa furia sobre a OTAN esixindo un maior gasto en defensa para contentar ás súas bases. En canto a Israel, o Goberno de Netanyahu (xa de por si nunha situación de debilitamento tras do resultado electoral do pasado 27 de outubro) queda nunha posición incómoda, pois perde ao seu incondicional aliado na Casa Branca, mentres o control bicameral do partido demócrata, completamente alineado coas teses de Israel durante décadas pero cun fondo rexeitamento na súa base social polo xenocidio palestino nos últimos tempos, pode producir un bloqueo do financiamento e da participación nas operacións militares israelís e esixir un maior respecto ao dereito internacional.
A derrota esmagadora de Trump non é un feito illado, senón unha mostra máis do retroceso que está a sufrir a “vaga” da extrema dereita global nos últimos anos. O modelo de nacionalismo, xenofobia e goberno antidemocrático que representa o trumpismo está a vivir un proceso de resposta social sen precedentes que se comeza a traducir en reveses electorais en varios países. O presidente brasileiro Lula da Silva impúxose no balotaxe a Jair Bolsonaro, a Listaxe de Estudantes en Serbia venceu ao aliado de Trump, Aleksandar Vučić, ao tempo que os liberais e centroesquerdistas de Canadá e Australia lograron frear ofensivas populistas de estilo trumpista. A propia derrota de Trump, como derrota da figura máis emblemática desta vaga, ten unha significación simbólica que transcende as fronteiras dos Estados Unidos, e indica que as posicións e redes internacionais de extrema dereita están a perder forza e espazo político. Débese ter en conta que as diferentes forzas e organizacións que impulsan a axenda ideolóxica da extrema dereita están xa a traballar para a “era post-Trump”, tentando institucionalizar a súa influencia e garantir a supervivencia do illiberalismo máis aló da vida política de líderes concretos.
As forzas progresistas e democráticas deben aproveitar esta situación para acelerar a organización e a mobilización, convertendo o avance dos resultados electorais en impulso para un cambio estrutural. A situación brasileira ofrece o caso máis directo para entender o efecto dominó da derrota de Trump. A vitoria de Lula crea un baleiro de liderado na extrema dereita brasileira (Jair Bolsonaro está en prisión e o seu fillo Flavio marchou aos Estados Unidos tras as eleccións) mentres a coalición de esquerdas gaña espazo político para avanzar na súa axenda social. Este resultado, unido á derrota de Trump coa correspondente merma futura da capacidade de Washington de impor golpes brandos ou sancións unilaterais, provoca que en Latinoamérica as forzas e gobernos progresista se sintan reforzados para abordar unha nova etapa onde reconquistar o espazo perdido. Para Arxentina isto significa que perde en Washington o seu aliado ideolóxico máis fiable e que, polo tanto, o respaldo político e a asistencia financeira extraordinaria do trumpismo, mudarán a súa realidade que será moito máis difícil de obter cun Congreso controlado polos demócratas e que, ao mesmo tempo, afondará no illamento internacional de Milei.
O foco agora pasa a estar nas eleccións españolas do 29 de novembro, onde a derrota de Trump remodela o escenario electoral pois debilita directamente a posición de Vox, que abrazou publicamente o trumpismo e o presentou como modelo internacional, e indirectamente ao PP, que ten unha posición atlantista e absolutamente sometida a Washington e á liña marcada polo partido republicano. Unha nova derrota do trumpismo no escenario español, que ata a grande mobilización social pola vivenda daba case por segura unha vitoria conservadora cun goberno de coalición conformado pola dereita e a extrema dereita, suporía a confirmación definitiva cara a unha nova tendencia global que se afasta das posicións de extrema dereita. Non obstante a derrota non significa que o trumpismo se vaia a retirar pacificamente (como xa demostrou no asalto ao Capitolio no 2021), senón que buscará acelerar procesos e incrementar a tensión e a polarización social co fin de laminar a democracia. Despois dunha década marcada pola resistencia, a tarefa da esquerda agora é presionar e multiplicar a súa resposta para poder avanzar en liberdades e dereitos, co obxectivo fixado na eliminación definitiva do espazo público das voces, forzas e organizacións de extrema dereita. Tócalle volver conquistar o senso común. Toca que o antifascismo volva ocupar cada centímetro da sociedade.