Deter a ofensiva reaccionaria, defender a democracia. Unha lección dende Brasil
with Non hai comentarios

A recente vitoria electoral no Brasil, que esixiu un xiro estratéxico e comunicativo no Partido dos Trabalhadores (PT) ao redor da figura de Lula da Silva é un síntoma da nova configuración da pugna política no s. XXI. O cambio de actuación do PT non permite facer unha afirmación rotunda na dimensión global, pero semella ser un punto de inflexión onde as estruturas de esquerda empezan a asumir que neste contexto, onde as regras do xogo democrático están a ser sabotadas por actores reaccionarios, debe facerlle fronte a unha guerra híbrida permanente. Neste contexto semella que disputar o ecosistema dixital e desenvolver unha mobilización mixta que combine a rúa e a rede, son piares fundamentais para poder afrontar con solvencia a contenda política.

A estratexia comunicativa do PT na 2ª volta electoral para as eleccións á presidencia de Brasil tiveron un nome propio: André Janones. O deputado federal trasladou a lóxica da “guerrilla dixital” á campaña electoral, transformando unha campaña tradicional e analóxica nunha maquinaria de mobilización masiva e descentralizada mediante un mando central a través de WhatsApp. Tras a derrota na primeira volta, Janones creou a canle “Exército de Lula”, que reuniu máis de 10 millóns de seguidorxs, e que se concibiu non como un simple difusor de propaganda, senón como unha estrutura de mando dende onde coordinar accións concretas: marcar tendencias, saturar publicacións da oposición e contrarrestar a desinformación. A estratexia marcada por Janones partía da tese de que a disputa política no momento actual non era programática senón que se centra no “monopolio da atención”. Así pois a comunicación esixía vídeos verticais, titulares alarmantes, linguaxe coloquial e apelación emocional directa, rexeitando os discursos elaborados que, segundo o deputado defendía, facían perder á esquerda no ecosistema dixital. Isto combinado coa mobilización da rúa e a continuidade da presenza do discurso “tradicional e analóxico” a través das vías tradicionais, provocou un xiro na campaña. A militancia espontánea converteuse en protagonista da campaña e conectou a mensaxe cos problemas cotiáns (custo de vida, economía…) en lugar de centrar o seu discurso exclusivamente na biografía de Lula. Isto permitiu multiplicar a mensaxe e ter a capacidade inmediata de adaptación a case calquera contexto, ademais da identificación e o sentimento de protagonismo real do cambio nas persoas participantes.

Parece que o caso brasileiro vai ser un punto de inflexión na tendencia dos últimos lustros onde a dereita e, sobre todo, a extrema dereita non buscan só gañar as eleccións, senón que buscan deslexitimar a propia democracia. E nese contexto é fundamental a complicidade activa dos chamados “tecnooligarcas”, os magnates das grandes corporacións tecnolóxicas que, con claro nesgo político, influencian gobernos e apoian partidos euroescépticos e negacionistas. A súa participación no proceso democrático é intrinsecamente antidemocrática, pois subordina a soberanía popular aos seus intereses privados e á desregulación dos seus negocios.

Ademais é importante que a esquerda non caia na falsa idea de entender esta forma de loita como algo puntual que se debe empregar nos procesos electorais. Este tipo de batalla que combina comunicación dixital e analóxica, rúa e rede e demais planos, debe ser o procedemento regular e normalizado de calquera organización do plano socio-político. Nesta mesma liña debe entenderse que a construción dun impacto de carácter híbrido parte da base da capacidade de influencia e esta, hoxe, materialízase a través do control dos algoritmos. As plataformas dixitais deixaron de ser meras canles de información para se converteren en infraestruturas centradas na captación de atención que definen a axenda, a visión da realidade das persoas e tamén a visibilidade dos actores políticos. O algoritmo non é neutro: amplifica contidos emocionalmente cargados e hostís. Isto crea burbullas de reafirmación que impiden o debate democrático saudable e distorsionan a percepción da maioría social, facendo que ruídos minoritarios parezan consensos maioritarios.

Durante anos a extrema dereita soubo explorar esta arquitectura para impor narrativas, mobilizar as súas bases e condicionar procesos sociais e electorais. A chegada de Trump e Netanyahu ao poder non pode entenderse sen dúas ferramentas que transformaron a loita política nun campo de batalla dixital e opaco. Cambridge Analytica, coa súa extracción masiva de datos de Facebook e a súa publicidade segmentada, proporcionou a Trump unha maquinaria de persuasión psicolóxica sen precedentes na súa campaña de 2016. Pola súa banda, Pegasus, o software espía da empresa israelí NSO Group, foi utilizado contra activistas e opositorxs.

Ademais a inxerencia estadounidense e israelí nos procesos electorais é unha realidade documentada. Estes dous estados desenvolven unha guerra híbrida (que combina operacións cibernéticas, propaganda e desinformación) contra os seus adversarios e contra a soberanía e a vontade popular mesmas. Un exemplo claro é o caso coñecido como “Hondurasgate” que expuxo o plan dos Estados Unidos e de Israel, con apoio de sectores hondureños e arxentinos (entre os que destacan o ex-presidente hondureño Juan Orlando Hernández e o presidente arxentino Javier Milei), para desestabilizar gobernos progresistas na rexión. Segundo audios filtrados, buscábase a creación de células de “xornalismo dixital” para difundir noticias falsas contra gobernos progresistas, como os de México e Colombia. Outro exemplo de inxerencia de EEUU e Israel é o ocorrido en Ceuta en xullo de 2026: aproveitando a necropolítica fronteiriza racista entre a Unión Europea e Marrocos, usaron vidas humanas con fins políticos a partir de técnicas de condicionamento social a través de algoritmos, producindo a morte de 142 persoas e dando lugar a unha grave crise humanitaria que evidenciou a violación sistemática de dereitos humanos na fronteira sur.

A esquerda non pode ignorar que a democracia mesma está baixo a agresión dunha dereita radical e reaccionaria que emrpega o poder económico e comunicativo dxs tecnooligarcas, a manipulación algorítmica e a inxerencia externa para intentar impor a súa vontade. A defensa da democracia esixe, hoxe, non só a loita institucional e de rúa, senón tamén a construción dunha contraofensiva política e comunicacional que empregue novo repertorio e novas formas de loita propias desa guerra híbrida ao tempo que reconecta a política coas necesidades reais da maioría social.