A MINARÍA COMO PARADIGMA CAPITALISTA

with 1 comentario

O día 25 de xaneiro, en Brumadinho, municipio de Minas Gerais (Brasil), rompeu unha das represas de residuos dunha mina de ferro propiedade da empresa Vale1. Este accidente supuxo a morte de, canto menos, 197 persoas, e 111 máis desaparecidas2, a maioría das cales eran traballadoras da mina. Os lodos derivados da rotura asolagaron o Río Paraopeba, un dos afluentes do São Francisco, co conseguinte impacto ambiental nas especies que nel habitan3.

Na imaxe pode apreciarse a escorregada das lamas, que levaron por diante un restaurante, unha pousada e varias vivendas.

A responsabilidade por esta nova traxedia humana e ecolóxica está a ser discutida. Polo momento, o presidente da compañía foi obrigado a renunciar ao seu cargo —sen aceptar culpa algunha4—, mais a lexislación medioambiental de Brasil é, porén, laxa5.

O caso de Brumadinho é un máis da infinita listaxe de casos nos que as compañías mineiras,  na súa maioría transnacionais con gran volume de negocio, atopan poucas trabas burocráticas no que atinxe á súa xestión laboral e medioambiental, en especial nos países empobrecidos. O obxectivo de maximizar beneficios a toda costa provoca que estas empresas invertan o mínimo posible na seguridade das súas instalacións6 coas conseguintes consecuencias catastróficas. Isto ten como resultado ao redor de 12.000 traballadorxs mortxs ao ano nas minas de todo o mundo7, a perda de formas de vida tradicionais, a expropiación forzosa de terras, a violación continua de dereitos humanos en diversos planos, o aumento da corrupción ou a expulsión dos pobos da súa terra8. Medioambientalmente, o resultado adoita ser a perda de biodiversidade, a contaminación de augas superficiais e subterráneas, a contaminación do solo, a perturbación dos cursos fluviais, etc.

A globalización capitalista provoca e precisa dun abastecemento constante de materias primas, necesarias para a fabricación de toda clase de bens de consumo, que son extraídas da maneira máis económica posíbel. Así, as compañías mineiras tratan de operar onde lles interese —frecuentemente en rexións empobrecidas— da forma máis eficiente posible, sen teren apenas en conta implicacións humanas, medioambientais ou éticas. O paradigma capitalista é a extracción ilimitada, low cost e a calquera custo, de minerais limitados. Así pois, a minaría responsable e sostible convértese nunha vía imposible e as catástrofes humanas e medioambientais transfórmanse nunha constante. Así pois, neste marco, a loita social e a creación dun tecido social activo que constrúa alternativas ao modelo actual convértense en ferramentas de carácter crucial.

1https://www.publico.es/internacional/brasil-rotura-presa-brasil-deja-34-muertos-cerca-300-desaparecidos.html
2https://g1.globo.com/mg/minas-gerais/noticia/2019/03/08/sobe-para-197-o-numero-de-mortes-confirmadas-na-tragedia-da-vale-em-brumadinho.ghtml
3https://ejatlas.org/conflict/vale-tailingsdamfailure-brumadinho-minasgerais
4https://www.efe.com/efe/espana/economia/el-presidente-de-la-minera-vale-renuncia-presionado-por-tragedia-con-186-muertos/10003-3913990
5https://mundo.sputniknews.com/america-latina/201903061085921899-tragedia-de-brumandinho-empresa-vale-corrupcion-en-el-estado/
6https://outraspalavras.net/outrasmidias/brumadinho-a-tragedia-da-dependencia-economica/
7https://www.reuters.com/article/us-labour-mining/fatalities-go-unrecorded-in-mining-industry-experts-idUSTRE69A1O020101011
8https://movimientom4.org/2018/04/mineria-en-mexico-un-despojo-legalizado-a-la-propiedad-social-expropiacion-ocupacion-temporal-y-servidumbres/

Máis Información:

EJATLAS

Interésache:

COP24: É A HORA DA SOCIEDADE CIVIL

‘EUROPE BEYOND COAL’: CONTA ATRÁS PARA O FIN DO CARBÓN

One Response

  1. […] Galego […]